Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE LEMBRA AOS ORTEGANOS EMIGRADOS EN CUBA NA SÚA INTERVENCIÓN NA XORNADA DEDICADA Á VIRXE DA CARIDADE DO COBRE

A situación sanitaria que estamos a vivir obrigou a cancelar os habituais actos cos que se celebran as festas de Ortigueira na honra de Santa Marta, pero aínda así o alcalde, Juan Penabad Muras, non quixo que faltara a lembranza á Virxe da Caridade do Cobre, patrona de Cuba, como agradecemento a todas aquelas persoas que emigraron á illa caribeña e que desde alí axudaron á vila de Ortigueira.

Nun discurso ante a placa da avenida dedicada a Cuba, referiuse especialmente ao papel destas persoas, fundamentais no desenvolvemento do municipio en épocas difíciles, e recordou que Ortigueira celebra esta homenaxe desde o ano 1955. Muras detacou os moitos edificios indianos espallados polo municipio construídos cos cartos da emigración “e dos que tan orgullosos nos sentimos”. Tamén aludiu á Asociación Naturais de Ortigueira de La Habana, deténdose sobre todo no recordo da que foi a súa presidenta, Ela Méndez Martínez, finada hai uns meses e que tiña visitado a vila pouco tempo antes do seu falecemento.

O alcalde quixo mandar unha mensaxe aos cubanos e cubanas de orixe ortegano asegurando que “aquí teñen a súa casa e sempre serán ben recibidos”, e rematou trasladando o seu agradecemento e o da corporación municipal “a todos os nosos emigrantes, que non soamente buscaron un futuro mellor para eles e os seus fillos senón para todos nós”.

Á cerimonia, que se completou cunha ofrenda floral, asistiron representantes da corporación e persoas vinculadas a Cuba residentes en Ortigueira.

Back to top