Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira é un dos concellos declarados zona infestada e nos que se ten a obriga de implementar medidas para a erradicación e control da chamada polilla guatemalteca da pataca, detectada en Galicia po primeira vez en agosto do ano 2015.

As medidas a adoptar son:

a) Prohíbese o cultivo de patacas desde o día 5 de marzo de 2017 en todos os concellos establecidos como zona infestada durante un período mínimo de dous anos e ata que se declare oficialmente a erradicación da praga.

b) Todas as plantacións de pataca existentes nas zonas infestadas no momento da entrada en vigor do real decreto serán desenterradas e retiradas baixo control oficial no tempo máis curto posible e o seu destino será o da destrución segundo as indicacións do artigo 9.1.a) do real decreto.

c) Todas as patacas cultivadas en campañas anteriores, así como as ventureiras de pataca de anos anteriores, que aparezan durante o período de prohibición do cultivo, serán desenterradas e destruídas segundo o establecido no punto anterior.

d) Nas parcelas de cultivo de pataca da campaña anterior realizarase cando menos un tratamento fitosanitario con produtos autorizados no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Mapama.

e) O cultivo de pataca poderá ser permitido dentro de zonas infestadas exclusivamente con fins científicos e de ensaio para o control da praga. Estas parcelas serán previamente autorizadas e controladas polos servizos oficiais.

a) Os almacéns de autoconsumo non poderán almacenar patacas orixinarias de zonas infestadas. As existencias de patacas, que queden nos almacéns particulares da campaña anterior, serán entregadas aos servizos oficiais para a súa destrución, para o cal os propietarios deberán comunicar as cantidades que teñen almacenadas, entregando o modelo incluído no anexo I. Do mesmo xeito se actuará coas patacas de semente mercadas para a campaña en curso e que non foron plantadas.

b) Os almacéns en que se gardaban as patacas de campañas anteriores, unha vez baleiros, serán desinfectados e desinsectados axeitadamente e instalaranse trampas con feromona sexual específica para a captura de Tecia.

c) Destruiranse os sacos e as caixas que estivesen en contacto coas patacas contaminadas ou na mesma estancia.

d) Instalaranse trampas de feromonas específicas para captura de Tecia.

a) Deberán colocarse mallas tupidas cun mínimo de 6×6 fíos/cm2 en ocos e ventás para evitar a entrada da praga. Nas portas deberá establecerse un sistema para evitar a entrada de Tecia (dobres portas ou outro sistema eficaz).

b) Deberán desinfectarse nas instalacións o chan, as paredes e o teito empregando materias activas autorizadas.

c) Non se poderán almacenar nin comercializar patacas producidas dentro das zonas infestadas.

d) Deberá instalarse como mínimo unha trampa con feromona sexual específica para a captura de Tecia, en función do tamaño e distribución das instalacións.

e) Levarase un rexistro de todas as entradas e saídas de patacas do almacén, así como da súa orixe e destino.

f) Prohíbese a entrada e comercialización dentro das zonas infestadas de pataca de semente, mentres non se levante oficialmente a prohibición de cultivo.

a) Só poderán comercializar patacas para o consumo directo e irán preparadas e envasadas para o consumidor final.

b) Prohíbese a comercialización de patacas a granel.

c) Non poderán comercializar patacas producidas dentro das zonas infestadas.

Existen restricións e control de movementos de pataca dentro das zonas infestadas polo que:

a) Prohíbese o movemento de patacas procedentes das zonas infestadas, salvo que se realice baixo control oficial cara a vertedoiros autorizados.

b) A entrada e circulación de pataca de consumo nas zonas infestadas realizarase exclusivamente para o consumo directo e irán preparadas e envasadas para o consumidor final.

c) As entradas e saídas de pataca dos almacéns realizarase de forma que se evite a infestación, e sempre en vehículos protexidos fisicamente para evitar a contaminación. As patacas comercializadas só poderán proceder de zonas libres da praga.

d) Prohíbese a saída de pataca de consumo das zonas infestadas, unha vez que estas fosen almacenadas en instalacións situadas nestas zonas. Para iso recoméndase non almacenar grandes cantidades de pataca e, de tal xeito, evitar excedentes.

e) Para o transporte de patacas aos almacéns situados dentro das zonas infestadas deseñaranse rutas de repartición de forma que as últimas descargas poidan realizarse nestes almacéns e que o vehículo empregado saia baleiro destas zonas.

f) Realizaranse unha serie de medidas de hixiene nos vehículos de transporte que aseguren a limpeza e a eliminación da terra residual, de tal xeito que se garanta que a praga non se poida establecer nin propagar fóra das zonas infestadas.

g) Evitarase o tránsito no transporte de patacas de consumo con entrada e saída dunha zona infestada se non se vai facer ningunha descarga dentro dela. No caso de ser necesario o tránsito por estas zonas, o camión deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Os vehículos non deberán estacionarse nestas zonas máis que o tempo necesario para os descansos obrigatorios do transportista e deberán abandonalas o máis axiña posible co fin de evitar o risco de contaminación.

Para mais información, pode descargarse o folleto informativo dispoñible na seguinte ligazón:

VER PDF Folleto informativo polilla guatemalteca da pataca

PRÓXIMOS EVENTOS

Back to top