JUAN PENABAD MURAS COMPROMETE TOLERANCIA, SOLIDARIEDADE E EFICACIA DOS RECURSOS NA ACCIÓN DE GOBERNO DO PSOE PARA OS VINDEIROS CATRO ANOS EN ORTIGUEIRA

O socialista Juan Penabad Muras comprometeuse onte a defender os intereses xerais da poboación ortegana, a manter aberto o diálogo co resto das forzas políticas e a exercer unha acción de goberno baseada na tolerancia, a solidariedade e a eficacia dos recursos. Así o anunciou despois de ser reelixido pola corporación como alcalde da localidade para os vindeiros catro anos entre os aplausos do numeroso público presente.

Eses principios son os que permitirán, dixo, sacar adiante a súa proposta programática para os vindeiros catro anos, que pasan por situar as persoas e o seu benestar en primeiro lugar, pola humanización das parroquias e pola modernización de desenvolvemento económico do Concello. Muras mostrouse convencido das posibilidades de futuro de Ortigueira “froito do esforzo de modernización emprendido e da reafirmación dos valores de progreso” e explicou que a acción política non pode ser unha simple administración de asuntos públicos senón que ten que se asentar “en valores e conviccións que marquen as pautas da acción a seguir”.

O alcalde contou para a súa elección cos seis votos dos concelleiros do PSOE, fronte aos cinco do seguinte candidato máis votado, José Valentín Calvín -cabeza de lista do PP, que foi apoiado polos edís do seu grupo- e o que obtivo a candidata de Coalición Centro Democrático, Isabel Rego, ao se votar a si mesma. O número un do partido Primeiro Ortigueira, Luis Miguel Pita Chente, rexeitou presentarse para a Alcaldía, abstívose e non apoiou a ningún candidato.

O pleno para a constitución da corporación ortegana celebrouse no Teatro de Beneficencia, que estaba totalmente ateigado de persoas que non quixeron perder un acto no que tamén estivo presente a subelegada do Goberno, Pilar López-Riobóo. O Concello dispuxo unha pantalla para que as persoas que non puideron acceder ao teatro seguiran o pleno.

No salón de plenos haberá este mandato seis edís socialistas, cinco do PP, un de Primeiro Ortigueira e unha de CCD.

O acto comezou coa constitución da Mesa de Idade, na que estiveron Luis Miguel Pita, como concelleiro de máis idade, e Ana Belén Carrodeguas como a máis nova, acompañando ao secretario do Concello.

Tras a toma de posesión dos concelleiros -que xuraron ou prometeron o seu cargo- e a votación para a elección de alcalde, que se realizou a man alzada, Muras recibiu o bastón de mando e saudou un por un ao resto de integrantes da corporación.

A continuación interviron os cabezas de lista dos partidos chamados a ser oposición que, en termos xerais, comprometeron unha labor construtiva en favor de Ortigueira e expresaron os seus mellores desexos para o mandato que hoxe comeza. A única que se saiu do “guion” foi a representante do CCD, Isabel Rego, que insistiu na situación de minoría na que gobernarán os socialistas e mesmo chegou a axitar a pantasma da moción de censura.

Rego, que foi a primeira en tomar a palabra como forza menos votada, felicitou ao resto dos concelleiros e agradeceu o apoio recibido nas urnas, para pasar de seguido a dicir que o seu obxectivo é cumplir o programa do 2015 -daquela fora elixida na lista do PSOE, pero pasou despois ao grupo dos non adscritos-. O resto da súa intervención centrouse en acusar de escurantismo durante a súa etapa anterior ao novo alcalde e en insistir en que “a política socialista brillou pola súa ausencia”. Rego, que aínda así anunciou que fará unha oposición “leal e responsable”, quixo deixar claro que “hai unha ferramenta que é a moción de censura” e ata chegou a falar dun prazo de seis meses para que o goberno amose “claramente” como será a súa actuación. A concelleira foi interrumpida en varias ocasións polo público, que expresou a súa disconformidade coa intervención con apupos e berros.

O seguinte en tomar a palabra foi Luis Miguel Pita, que dixo que a súa forza política -Primeiro Ortigueira accede á corporación para facer oír. Explicou a súa abstención na elección de alcalde indicando que despois de se reunir coas outras formacións políticas non atopou o compromiso “firme e satisfactorio” que esperaba co futuro de Ortigueira e por este motivo decidiu deixar gobernar á persoa que elixiu maioritariamente o pobo. Anunciou unha oposición “totalmente constructiva” e apostou polo traballo en equipo.

O cabeza de lista do PP, José Valentín Calvín, quixo felicitar en primeiro lugar a Muras pola súa elección como alcalde e, na mesma liña que Pita, avanzou que a súa será unha oposición constructiva na que velará polos intereses de Ortigueira estando “ao lado dos proxectos viables e que beneficien a todos, porque Ortigueira é un barco onde estamos todos metidos e a todos nos interesa que vaia ben”. Despois de insistir en que “hoxe non é día para dar mítines” -unha afirmación que o público recibiu entre aplausos concluíu que “empezamos a crear unha nova Ortigueira, que espero que sexa mellor”.

Para rematar coas intervencións, o alcalde, Juan Penabad Muras, pronunciou un discurso no que renovou “con emoción e absoluto respecto” o seu compromiso “con Ortigueira, coa xente, coa renovación política e os valores de progreso”.

Neste período anunciou o impulso desde o Concello de actuacións realistas para a dinamización económica, a creación de emprego e o benestar social en condicións de igualdade de oportunidades, sen deixar a ninguén abandoado a súa sorte.

“Queremos gobernar para todas as persoas, sen sectarismos, facendo bandeira da igualdade e velando polos intereses xerais do noso Concello”, dixo Muras, que insistiu tamén na cooperación institucional e a suma de recursos para resolver as necesidades da poboación e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.

O alcalde non quixo obviar que o PSOE foi o partido máis votado nas eleccións pero non acadou a maioría absoluta. Neste sentido interpretou que “nos dixeron que valoraban o esforzo que fixemos, pero que a realidade política esixe maior diálogo coa sociedade e coas outras forzas políticas”, e manifestou que “a ese mandato cidadá nos debemos todos e todas”.

O acto finalizou co Himno Galego e unha “foto de familia” da nova corporación.

Back to top