Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

CERCA DE 60 MICRORRELATOS PARTICIPAN NO CERTAME CONVOCADO POLO CONCELLO NA CAMPAÑA MUNICIPAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O concurso de microrrelatos convocado polo Concello de Ortigueira dentro da campaña municipal contra a violencia de xénero tivo un gran éxito de participación, reunindo un total de 58 traballos que agora pasan a valoración por parte do xurado.

Dentro da convocatoria había unha categoría xuvenil e outra para adultos. Desde o Centro de Información á Muller destacan a implicación e colaboración dos centros educativos e indican que “a reflexión feita desde as aulas serve para traballar co alumnado na sensibilización en contra da violencia machista e na responsabilidade da veciñanza en no mirar para outro lado e apoiar ás mulleres que a sofren”.

Mañá e o xoves instalarse no Centro Social de Ortigueira unha mesa informativa para distribuír material da campaña desenvolvida polo Concello, que consiste en máscaras reutilizables co lema “Contra a violencia machista. Implícate, son as túas veciñas” e “Polo bo trato. Implícate”, ademais de almanaques e carteis con diferentes frases que chaman, precisamente, a ser proactivos neste sentido: “Hai casas que non son un fogar”, “Se as paredes oen, ti tamén”, “Non lles peches a porta” e “Non agardes a vela no xornal” son as mensaxes que se trasladan apoiadas en diferentes imaxes. Todo este material será entregado tamén no IES Ortigueira e no CEIP José María Lage.

Back to top