O Concello de Ortigueira, o máis grande da comarca de Ortegal, ten unha superficie de 214,9 quilómetros cadrados e 5.966 habitantes (2017). O seu xentilicio é «ortigueirés/a» ou «urticariense». Ortigueira limita:

  • Ao norte co Concello de Cariño e o Océano Atlántico.
  • Ao sur: cos concellos de As Somozas e As Pontes de García Rodríguez.
  • Ao este: co Concello de Mañón.
  • Ao oeste: cos Concellos de Cediera e Cerdido.

Xeográficamente, atopamos a serra da Capelada ao oeste, con alturas como o Concepenido (con 572 metros) ou o Pilo de Moles (con 507 metros). As serras da Coriscada e da Faladoira ao leste marcan o límite co concello de Mañón. Cara ao sur, poden distinguirse algún cumios como o Taboada, con 438 metros, ou o Punxás, con 323 metros.

O ría de Ortigueira e Ladrido é un dos humidais máis importantes de Europa, estuario do río Mera.

O centro administrativo e comercial de Ortigueira está situado na vila de Santa Marta. O territorio municipal divídese en 22 parroquias, que son:

San Xulián de Barbos, San Xulián de Céltigos, San Cristovo de Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro, Santiago de Cuíña, San Sebastián de Devesos, San Xulián do Ermo, San Xoán de Espasante, San Paulo de Freires, San Xoán de Insua, Santa Eulalia de Ladrido, San Xulián de Loiba, Santa María de Luía, San Martiño de Luama, Santiago de Mera, Santa María de Mera, San Xoán de Mosteiro, Santa María das Neves, Santa Marta de Ortigueira, Santa María de San Claudio, San Xulián de Senra e Santo Adrián de Veiga.

HISTORIA DE ORTIGUEIRA

Os primeiros habitantes das terras do Ortegal instaláronse aló polo ano 35.000 a.C. Eran estes grupos de cazadores, nómadas, que atoparon o seu hábitat nas serras que dominan a comarca.

As primitivas sociedades evolucionaron baixo a influencia doutros pobos atlánticos, da cultura mediterránea e por suposto do imperio romano. Este último foi determinante na paulatina desaparición da cultura castrexa, entre finais do século I e o II a.C.

Con todo, quédannos deste longo período importantes vestixios arqueolóxicos. Os castros da costa e do interior, os utensilios que neles se atoparon, os enterramentos en forma de túmulos ou mesmo a toponimia da zona fan que aínda esté presente en Ortigueira a pegada dos nosos antepasados máis lonxanos.

Os primeiros vestixios de ocupación humana no espacio xeográfico que hoxe conforma o concello de Ortigueira datan do Paleolítico Superior. Xa no ano 35.000 a.C. os abeiros naturais da Capelada constituían o hábitat de grupos de cazadores. Estes primitivos poboadores eran nómadas que procuraban alimento entre os numerosos outeiros, sen abandonar os lindes da serra.

A pegada destes primeiros habitantes coñecidos de Ortigueira está presente en varias construcións megalíticas. Os dolmens –enterramentos en forma de túmulos- desapareceron na súa maioría. Malia elo consérvanse na actualidade algúns destes vestixios entre as serras da Capelada e a Faladoira.

Entre finais do ano 4000 a.C e comezos do século IX a.C. comeza a apreciarse en Galicia o descobremento da metalurxia e a arte rupestre. A metalurxia do cobre e do vaso campaniforme aparece entre o 2000 e o 1800 a.C. Posteriormente dá comezo a Idade do Bronce, que remata no IX a.C.

A Época do Bronce Final representa, en toda a área atlántica europea, unha intensa fase de relacións comerciais e de intercambio económico. Estes feitos son consecuencia directa dunha crecente demanda mediterránea de materias primas, especialmente de estaño.

O Bronce Final destaca pola abundancia de achádegosarqueolóxicos metálicos, que aparecen en depósitos ou escondedoiros. Trátase sobre todo de armas como espadas, puñais, puntas de lanza e machados. En Senra atopouse un importante xacemento de machados de talón que completan os antigos restos descubertos no Castro do Campo da Torre de Ortigueira.

Estes descobrementos confirman a existencia dunha poboación do Bronce Final, cunha complexa organización socioeconómica e activas relacións comerciais.

A paulatina evolución dende o Bronce Final aos inicios da Idade do Ferro prodúcese arredor do século IX a.C. Uns maiores influxos do Mediterráneo -a causa da intensificación das relacións comerciais- e as anovacións de carácter agrario provocan a explotación máis racional das terras. Deste xeito chégase a unha meirande rendibilidade productiva e ao mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.

Estas circunstancias provocan o paso do modelo itinerante de explotación ao sedentarismo. Comeza neste punto a construción dos poboados estables que darán paso á cultura dos castros no noroeste peninsular.

A primeira fase da etapa castrexa abrangue un amplo período entre finais do primeiro milenio e o século V a.C. Na área galaica desenvólvese un proceso de sedentarismo e constrúense os primeiros asentamentos castrexos. Con eles coexisten os poboados abertos, aínda que cunha marcada evolución cara ao modelo de arquitectura habitacional con tendencia á liña curva.

Os castros érguense, con fins defensivos, nas abas das montañas, outeiros e penínsulas, próximos ás terras productivas. En Ortigueira coñécense dous xacementos adscritos a esta fase de iniciación da cultura castrexa: o Castro de Concepenido e o Castro da Punta do Tallo.

O Castro de Concepenido é o xacemento castrexo máis antigo de Ortigueira. Sitúase no cumio do monte Concepenido, na serra da Capelada, pero próximo ás terras de cultivo. Para reforzar as boas defensas naturais coas que xa contaba, os seus constructores engadíronlle un sistema de dobre muralla arredor da súa superficie habitacional.

O Castro de Punta do Tallo, datado na Idade do Ferro, atópase na parroquia de Santa Eulalia de Ladrido. A zona na que se asenta, coñecida co topónimo dos Castros, é un emprazamento costeiro elevado 40 metros sobre o nivel do mar. O recinto posúe grandes dimensións e ocupa unha península fronte ao porto de Espasante. As súas defensas naturais vense reforzadas por un foxo profundo cara o surleste e e unha muralla en ángulo con reforzos na porta de entrada.

Durante a fase de iniciación da cultura castrexa os primeiros poboadores de Ortigueira coñecían as vantaxes que ofrecía construír preto do litoral. Ergueron os seus castros en penínsulas protexidas que lles permitían á vez dispor de terras productivas e desenvolver actividades económicas ligadas ao mar, como a pesca, o marisqueo e a navegación local.

Entre finais do século VI a.C. e mediados do II a.C. exténdese este modelo de ocupación. Formalízanse tanto a tipoloxía constructiva dos asentamentos como outros trazos concretos relacionados coa cerámica e a súa decoración –fundamentalmente o estampado-. Os poboadores inician unha tendencia a situarse próximos aos vales. Potencian xa a actividade agrícola sen abandonar as súas situacións estratéxicas.

Entre os séculos II a.C. e I d.C. prodúcese un troco significativo nas comunidades castrexas, provocado polo contacto co mundo romano.

Comezan a aparecer asentamentos de maior tamaño, cun trazado urbanístico perfeccionado e unhas espectaculares defensas. Estamos xa perante unha sociedade evolucionada, cunha nova estructuración económica e un maior desenvolvemento da agricultura e o comercio.

Destaca especialmente o perfeccionamento técnico da cerámica castrexa tanto no aspecto formal coma no decorativo. Abondan neste periodo obxectos como fíbulas, alfinetes de bronce, ornamentos e armas como os puñais de antenas. Cómpre salientar asemade a ourivería castrexa -diademas, torques, arracadas…-, as decoracións xeométricas das construcións -linteis e xambas- e a escultura -cabezas humanas e estatuas de guerreiros con escudos-.

Entre finais do século I e ata o II d.C. a cultura dos castros do noroeste peninsular desaparece paulatinamente, dando paso ao mundo galaico-romano. Os poboados son abandonados e xorden as denominadas villae, asentamentos que presentan un novo sistema de explotación do territorio.

O proceso é lento pero irreversible. Os navegantes fenicios procuraron materias primas -especialmente estaño- nas rotas atlánticas e iniciaron viaxes de explotación a partir do século VI a.C.

O desenvolvemento comercial, o novo tipo de xacementos e o modelo económico aféctanlle a toda a área galaica. Na zona de Ortigueira quedaron pegadas desta época, como os Silos de Salmoeira de Espasante, as ánforas atopadas na Ría ou a figura dun ídolo orientalizante procedente do río Dola -Espasante-.

Se a evolución prehistórica marcou Ortigueira como comunidade castrexa, foi outro fenómeno este máis social e moito máis reciente, o que deixou tamén unha fonda pegada na nosa historia e nas nosas xentes:

O fenómeno da emigración constitúe un importante episodio na historia da comarca de Ortegal. Este proceso foi determinante cualitativa e cuantitativamente dende a segunda metade do século XIX. Daquela, boa parte dos mellores homes destas terras, os que destacaban no plano físico ou no intelectual, emigraron cara América. As razóns, as mesmas que as de outros galegos: incapacidade para prosperar cos beneficios que daba a terra, a carencia de recursos económicos…

Entre os anos 1861 e 1910 o partido xudicial de Ortigueira ocupaba o quinto lugar no volume de saldo migratorio da provincia. Entre 1900 e 1963 acada o primeiro posto con respecto ao número absoluto de emigrantes da provincia e o terceiro entre os máis de 300 concellos galegos. A cifra, de 10.571 persoas desprazadas, era superada tan só polos municipios da Fonsagrada, en Lugo, e A Estrada, en Pontevedra.

Este fenómeno faise especialmente significativo ao analizar as cifras de poboación do concello de Ortigueira. O seu número de habitantes, por debaixo da media galega, conlevou que a trascendendia destes feitos fora, e siga a ser indiscutible en todos os eidos da convivencia comunitaria.

O sentimento de pertenza á comarca ortegana non se perdeu na viaxe. En América chegaron a rexistrarse un total de 16 microcolectividades –especialmente de ámbito parroquial-. O noso foi o municipio galego cun maior número de entidades fundadas con esta referencia. Entre estas destaca o labor desenvolvido pola colonia de Santa Marta no Centro Galego da Habana. Dende alí, os nosos emigrantes custearon lavadoiros, camiños, cemiterios e mesmo reformas de igrexas para a súa terra de orixe.

As pegadas dos emigrantes son apreciables aínda gracias ás casas dos indianos –emigrantes que fixeron fortuna en América- da parroquia de San Claudio, unha das que máis sofriron o impacto deste fenómeno. Son salientables as achegas destes indianos dende mediados do século XIX, non só no que respecta ao envío de cartos, senón tamén polos investimentos realizados na terra natal.

Entre os anos 1940 e 1950 as correntes migratorias seguían a ser principalmente transoceánicas. Con todo, Cuba deixaba de ser o destino elixido, substituído por países como Arxentina ou Venezuela.

Nesta época comeza tamén a reflectirse unha crecente emigración cara Europa, especialmente a partir dos anos 1960-70. A comarca viuse novamente afectada polo fenómeno da emigración, o que conlevou un notable descenso da poboación. Así, en 1971 o municipio de Ortigueira tiña preto de 10.000 habitantes. Un 25 por cento menos que trinta anos antes.

Back to top