A EXPOSICIÓN DOS PREMIOS MARÍA JOSEFA WONENBURGER ESTARÁ ABERTA ATA O SÁBADO

Ata o vindeiro sábado continúa aberta no claustro superior do edificio do Concello a exposición dos premios María Josefa Wonenburger, cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade e inaugurada con motivo da celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia. A mostra ten como obxectivo difundir entre a cidadanía as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía. Todas as que aparecen na exposición foron galardoadas co premio María Josefa Wonenburger, que concede cada ano a Xunta, desde o 2007, a través da Unidade de Muller e Ciencia.

O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger Planells, que recibiu unha das primeiras becas Fulbright coa que estudou na Universidade de Yale, en Estados Unidos. As súas investigacións centráronse basicamente na teoría de grupos e a teoría de álgebras de Lie.

Back to top