Visita do alumnado do obradoiro “Terra do Ortegal II” a ASPROMOR
Os 20 alumnos e alumnas que conforman o obradoiro de emprego “Terras do Ortegal II” realizou onte, 24 de xuño, unha das visitas que ten planificadas como actividade complementaria á súa formación.
Así, o alumnado visitou as instalacións da Asociación ProMinusválidos do Ortegal (ASPROMOR) para coñecer de primeira man o traballo que alí leva a cabo.
A visita comezou cunha introdución para coñecer os servizos e a evolución de ASPROMOR para, a continuación, visitar o taller de reciclaxe de plásticos, onde o alumnado e o persoal do taller dual de emprego tiveron ocasión de ver unha demostración dunha reparación dun contendor do lixo.
A continuación, visitaron o espazo destinado ao centro de día onde tiveron a oportunidade de coñecer ás persoas usuarias do centro e charlar con eles. A visita, de tres horas de duración, continuou co percorrido pola parte residencial e visitando o invernadoiro, que ten servizo directo de venda ao público. Para finalizar, o alumnado realizou un taller de repostería cos usuarios do centro.
Na próxima semana, un segundo grupo visitará estas mesmas instalacións, poñendo o peche a un ciclo de visitas que son un complemento formativo que achega valor engadido á formación e ao currículo dos alumnos e alumnas do Obradoiro dual de emprego “Terras do Ortegal II”.
Estas visitas achegan valor engadido á súa formación e ao seu currículo, onde o alumnado ten a oportunidade de coñecer de primeira man un campo de traballo no que se poden desenvolver profesionalmente, sendo un sector cunha elevada demanda dentro do mercado laboral, e que os contidos encaixan coas programacións didácticas. Ademais, esta formación conduce á obtención do certificado de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Visitas periódicas formativas
Ademais, durante os meses de maio e xuño, o alumnado acudiu tamén dous días por semana ás instalacións do Servizo Específico de Estimulación Terapéutica do Alzheimer e outras Demencias (SEETA), en grupos reducidos, para poder aprender do traballo que alí se realiza cos distintos profesionais sen interromper a actividade diaria e o bo funcionamento do centro.
O Obradoiro dual de emprego está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia cun importe de 411.870,09€ e cofinanciado polos Concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón con 15.000€.