Visita do alumnado do obradoiro “Terra do Ortegal II” a AFAL Ferrolterra e ASPROMOR
Os 20 alumnos e alumnas que conforman o obradoiro de emprego “Terras do Ortegal II” realizaron esta semana a primeira das visitas que realizarán como actividade complementaria á súa formación.
Así, o pasado 20 de maio visitaron o Servizo Específico de Estimulación Terapéutica do Alzheimer e outras Demencias (SEETA), xestionado por AFAL Ferrolterra, así como tamén a Asociación ProMinusválidos do Ortegal (ASPROMOR).
Estas visitas constitúen un complemento formativo que achega valor engadido á súa formación e ao seu currículo, onde o alumnado ten a oportunidade de coñecer de primeira man un campo de traballo no que se poden desenvolver profesionalmente, sendo un sector cunha elevada demanda dentro do mercado laboral, e cuxos contidos encaixan coas programacións didácticas. Ademais, esta formación conduce á obtención do certificado de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Visitas periódicas formativas
Durante os meses de maio e xuño, o alumnado acudirá dous días por semana ás instalacións do Servizo Específico de Estimulación Terapéutica do Alzheimer e outras Demencias (SEETA), en grupos reducidos, para poder aprender do traballo que alí se realiza cos distintos profesionais sen interromper a actividade diaria nin o bo funcionamento do centro.
Ademais, os días 24 de maio e 1 de xullo, o alumnado-traballador do obradoiro visitará as instalacións de ASPROMOR, onde poderá acceder ás zonas de traballo, aos distintos talleres ocupacionais (xardinería, reciclaxe…) que alí se desenvolven, así como tamén realizarán unha visita á zona residencial.
O obradoiro dual de emprego está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia cun importe de 411.870,09 € e cofinanciado polos Concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón con 15.000 €.