Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

SUSPÉNDESE TEMPORALMENTE O MERCADO DE ORTIGUEIRA DIANTE DO AUMENTO DE CASOS DE COVID19 NO CONCELLO

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, anunciou hoxe a suspensión temporal do mercado que se celebra todos os xoves na Alameda á vista do rápido crecemento de casos de Covid-19 no concello e tamén naqueles cos que se rexistran máis interaccións, como Cariño ou Mañón. Con case medio cento de positivos confirmados na localidade a día de hoxe, Muras destaca que das tres ocasións nas que Ortigueira estivo nunha situación de tensión desde o principio da pandemia “esta é a máis preocupante e perigosa”. Por iso, co obxectivo de poder volver canto antes á normalidade, “hai que poñer a seguridade por encima de todo, e aínda que sinto moito as repercusións desta situación, tanto para os vendedores e o sector da hostalería como para toda a xente que vén ao mercado, é preciso evitar ao máximo o risco de contaxios”, di.

O Concello está avisando hoxe mesmo ás persoas que poñen á venda os seus produtos da decisión, que se vai manter durante todo o mes e cuxa continuidade avalariase despois tendo en conta os datos epidemiolóxicos. Neste sentido, o alcalde lembrou que o número de casos que se están confirmando aínda corresponde aos contaxios de fin de ano, polo que faltarían por detectarse os de Reis “e aínda podemos estar recibindo positivos ata finais de mes”.

“Da mesma maneira que pido a colaboración da veciñanza para que queden nas súas casas e tomen todas as precaucións, pola miña parte teño que adoptar tamén medidas para evitar que sigan aumentando os casos”, asegura. E aínda que o vindeiro venres a Consellería de Sanidade podería anunciar novas medidas restritivas que afecten a Ortigueira, non quere exponer ás persoas que acudirían ao mercado o día antes. “É unha medida urxente e de responsabilidade”, insiste Muras, que lembra que arredor deste evento semanal xúntanse moitos veciños e veciñas, non só no mercado senón tamén nos establecementos hostaleiros próximos.

Back to top