Reforma do patio exterior da escola infantil de Ortigueira
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, xunto a concelleira de Educación, Ana Cartelle, recibiron hoxe ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para comprobar o resultado dos traballos de mellora realizados durante o verán na escola infantil de Ortigueira, pertencente á rede pública autonómica.
As obras consistiron na reforma do patio exterior do centro, onde se instalou novo pavimento de caucho continuo en substitución do de lousas para mellorar a seguridade das nenas e nenos. A Xunta financiou con preto de 16.000 euros esta actuación, executada polo Concello, e que se enmarca na programa de mellora que o Consorcio leva a cabo ao longo de todo o ano nos seus equipamentos, tanto nas escolas infantís como nos centros de maiores.