‘Pasos compartidos’, a iniciativa que achega o baile ás parroquias
O Concello de Ortigueira pon en marcha ‘Pasos Compartidos’, unha nova proposta do departamento de Servizos Sociais que levará música de verbena e bailes ás parroquias do municipio. Esta iniciativa, deseñada para todas as idades pero especialmente dirixida ás persoas maiores, comezará o 1 de febreiro e desenvolverase os sábados en horario de 18:00 a 21:00, ofrecendo un espazo de encontro e diversión para toda a comunidade.
Ao longo do ano, ‘Pasos Compartidos’ percorrerá varias localizacións do municipio. As primeiras citas terán lugar o 1 de febreiro en Tiroteo, o 15 de marzo en Mera de Arriba, o 5 de abril en Insua e o 3 de maio en San Claudio. No último trimestre do ano, a actividade continuará o 4 de outubro en Loiba, o 22 de novembro en Ladrido e culminará o 27 de decembro no Porto de Espasante.
O obxectivo deste proxecto é achegar a cultura e o lecer ás distintas parroquias, fomentando a participación activa, o exercicio físico e os lazos entre veciños. ‘Pasos Compartidos’ non só é unha oportunidade para gozar da música tradicional, senón tamén unha ocasión para reforzar o sentido de comunidade e gozar dunha tarde diferente nun ambiente festivo e acolledor.
Desde o Concello de Ortigueira anímase a todos os veciños e veciñas a sumarse a esta actividade que converterá o baile e a música en protagonistas dos sábados nas parroquias.