Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS PROXECTOS DO POS+ E O POS+ ADICIONAL, CUN INVESTIMENTO TOTAL DE 1.125.316,21 EUROS, IRÁN A PLENO O MARTES

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, anunciou que o vindeiro martes someteranse ao pleno os proxectos que o Concello propón para incluír no POS+ 2021 da Deputación Provincial, así como o gasto social derivado da pandemia que será financiado con cargo ao POS+ Adicional 2021.Trátase dun montante global de 1.125.316,21 euros, o terceiro máis elevado da comarca só por detrás de Narón e As Pontes, e o feito de que Ortigueira non teña débedas con entidades bancarias nin provedores permitirá destinalo integramente a investimentos, gasto corrente e o citado gasto social.

O Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal supón en total 884.473,90 euros, dos que 392.467,47 correspóndense coa achega provincial do 2020, 397.389,81 é a deste ano e outros 94.616,62 son o préstamo provincial.

O Adicional é un investimento extraordinario para gasto social que supón para Ortigueira unha inxección económica de 240.842,31 euros destinada na súa totalidade a medidas orientadas a paliar as consecuencias da Covid-19.

Do POS+ resérvase a cantidade de 240.131,76 euros para gasto corrente do Concello, e acometeranse ademais unha serie de investimentos entre os que destacan polo seu importe dous proxectos: a intervención no exterior do CEIP José María Lage, que o alcalde quere que se acometa durante o verán e que xa conta cun proxecto valorado en 157.258,05 euros, e a rexeneración de pistas nas parroquias de San Claudio, Mera, O Ermo, As Neves, Devesos, Freires, Couzadoiro, Luama, Ladrido e Loiba, por 241.977,29 euros. Ademais, realizaranse outras intervencións de mellora de infraestruturas viarias como o aglomerado en quente das pistas de acceso á igrexa de San Adrián (31.352,27 euros), o rego asfáltico de Mosteiro-Baleo (36.140 euros) e o aglomerado de pistas en Cuíña-Luama (82.990,62 euros).

No que se refire ao POS+ Adicional, o importe máis destacado do total dedicarase a subvencionar o servizo de axuda a domicilio (154.800 euros). O resto da axuda para gasto social ten como finalidade a adquisición de medios de prevención (EPIS) para profesionais dos servizos sociais e persoas usuarias dos mesmos que non conten con medios (41.042,31 euros), a dotación de axudas económicas para cubrir necesidades básicas para persoas en situacións de vulnerabilidade (30.000 euros) e outras medidas que o servizos sociais consideren imprescindibles e urxentes (15.000 euros).

O Concello ten xa proxectos valorados en máis de 800.000 euros para que algún deles poidan ser financiados cun segundo POS adicional. Trátase da mellora da rede de abastecemento no núcleo urbano de Ortigueira (370.954,47 euros); a segunda fase da remodelación da rúa Príncipe (173.836,79 euros); obras de aglomerado quente doutras pistas de San Adrián (73.082,04 euros) e Baleo e Viso (57.196,40 euros); a reparación de fachadas no mercado municipal (45.593,33 euros); o arreglo de cubertas e fachadas do salón de plenos (41.914,46 euros) e a renovación de cubertas no centro social de O Viso (38.943,57 euros). Muras destacou que todos estes proxectos están listos cumprindo o seu compromiso de ter redactados os que se correspondan con necesidades do municipio e invitou aos grupos da oposición a realizar novas propostas para continuar programando obras no concello.

Back to top