Os maiores de Ortigueira desfrutan dunha xornada de convivencia e cultura na súa visita á Costa da Morte
Un numeroso grupo de veciños e veciñas de Ortigueira viaxou recentemente ata A Costa da Morte para participar nunha nova saída do programa de viaxes para maiores que organiza o Concello. Esta excursión tivo como parada principal a vila de Cee, onde os asistentes desfrutaron dunha calorosa acollida e puideron profundar na historia que une a ambos os municipios, especialmente a través da visita guiada ao Museo Fernando Blanco.
O director do centro recibiu á expedición ortegana destacando a “dobre conexión” que existe entre as dúas localidades. Un dos momentos máis emotivos da xornada foi o recordo a Manuel Rebollar, un músico nado en Ortigueira que deixou unha pegada indeleble en Cee como director da súa histórica Banda de Música entre os anos 1927 e 1940. Esta anécdota serviu para ilustrar como os lazos privados e culturais mantiveron unidos a estes dous puntos da xeografía galega durante case un século.
Alén dos vínculos privados, a visita serviu para poñer en valor o inmenso legado da emigración na educación. Os maiores puideron coñecer a historia de Fernando Blanco de Lema en Cee e comparala co orgullo que sente Ortigueira por ser un dos concellos de Galicia con máis escolas de indianos. Lembrouse con especial mención o esforzo das Sociedades Galegas de Instrución en Cuba, que financiaron a construción de oito escolas no noso municipio, un fito que os veciños compartiron cos seus anfitrións durante o percorrido.
Esta saída enmárcase nas actividades de lecer activo e convivencia que o Concello promove para os maiores do municipio.


