Ortigueira volverá ter orzamentos en 2026 grazas á altura de miras do Partido Popular, Xunto a Ti e o PSOE
Hoxe, luns 22 de decembro, o pleno do Concello de Ortigueira aprobou, cos votos a favor de PP, XA e PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra de Primero Ortigueira, os orzamentos municipais para 2026, un documento económico que non se puidera actualizar dende o ano 2022.
Esta boa nova é posible grazas á altura de miras mostrada polo goberno local de Ortigueira, encabezado polo alcalde, Valentín Calvín, a concelleira de Facenda, Isabel Rego, e Juan V. Penabad Muras, líder do PSOE de Ortigueira, acadando un acordo que permitiu sacar adiante os orzamentos, unha folla de ruta que ascende a 8,5 millóns de euros.
Isto supón un crecemento de máis do 25% e un incremento de 2 millóns de euros con respecto ás últimas contas aprobadas. Tanto o goberno local como o Partido Socialista priorizan así o beneficio da veciñanza e do municipio, valoran a abstención do BNG e critican que, unha vez máis, Primero Ortigueira antepoña os seus intereses partidistas ao ben común. “Hoxe volveron demostrar que nin colaboran nin queren á vila, só o seu propio ego”, sinalan.
O goberno local considera este pacto fundamental para a estabilidade do municipio e a execución dos proxectos, valorando de forma conxunta cales son os máis prioritarios. “A veciñanza levaba meses demandándonos solucións e, por fin, aquí están”, afirman.
Investimentos por máis de 3 millóns de euros
No orzamento establécense actuacións e investimentos, a petición de Muras, por un valor de máis de tres millóns de euros, que se irán executando de forma progresiva. Ademais, tamén se estima un millón de euros en posibles ingresos municipais extraordinarios. Ditos investimentos chegarán a todas e cada unha das parroquias e crearase unha comisión de seguimento para ir actualizando o estado de execución.
No referente á zona do Viso e arredores, procederase ao aglomerado en quente e pintado nas pistas do Pocello, Callobre, As Painceiras, O Aro e os ramais á pista polideportiva e centro da parroquia. Así mesmo, construiranse beirarrúas no núcleo do Viso.
Na área de Céltigos e Loiba, levarase a cabo o aglomerado en quente da pista de Céltigos (estrada da Deputación cara ás praias de Loiba) e o proxecto de mellora da pista de Céltigos dende Mazorgán a Loiba.
En Espasante, executarase a obra de reforma da rúa Areal, rúa Sol e a estrada da igrexa de San Juan, deixando os pavimentos ao mesmo nivel. Tamén se preparará un novo espazo de equipamento no Juncal que incluirá aparcamento de vehículos, punto de descarga e estacionamento de caravanas, pistas deportivas, zona verde e edificacións ; isto incluirá a negociación coa Confraría de Mariscadores e Pescadores e co Estado para a adquisición do inmoble para o seu derribo, reforma de espazos e usos. Ademais, aglomerarase a pista de Espasante a Céltigos.
En Ladrido realizaranse diversas obras, incluíndo un parque infantil na área recreativa, cunetas remontables no núcleo urbano e a súa continuación na estrada Ladrido-Espasante, así como a instalación de biondas de protección nesa mesma estrada (continuación das xa existentes en sentido Espasante sobre o cantil). Tamén se acometerá a obra da depuradora de Ladrido.
Para a zona do Baleo e Couzadoiro, as obras inclúen a ponte sobre o río Baleo no lugar de Souto e o aglomerado en quente a todas as vivendas. Aglomerarase dende a Ponte Vella do Baleo a Barbos e o vial a San Salvador de Couzadoiro. Por outra banda, farase o aglomerado en quente e pintado da pista de Quintá á Venta.
No ámbito urbano e escolar, executarase o proxecto de ampliación e mellora de circulacións e espazos de estacionamento na contorna do CEIP José María Lage, Escola de Música e Biblioteca Municipal. Na zona da Magdalena, realizarase o aglomerado en quente e pintado das rúas e do acceso de baixada ao Eucalipto, incluíndo cunetas de formigón remontables, e construirase un espazo para reunións veciñais e outros usos no aparcadoiro.
No referente ao litoral e infraestruturas viarias, executarase o proxecto de iluminación LED dende o porto de Ortigueira a Moutón, extensivo a todo o barrio, e o proxecto de senda peonil e carril bici na estrada DP dende Luama ao núcleo de Santa Marta (mediante convenio coa Deputación). Tamén se mellorarán e reporán os elementos de madeira do paseo do litoral.
Na parroquia de Cuiña procederase á compra dunha parcela para aparcamento de equipamento ao lado do centro social e outra para aparcamento na igrexa parroquial. As obras inclúen o aglomerado en quente e pintado da pista do Lagar á Clara e das pistas de Nogueirido, A Preta, Barral e Pormellor, así como a mellora do escolar de Cuiña coa construción de baños accesibles ao nivel da pista polideportiva.
No ámbito deportivo e de lecer, poñeranse en valor os espazos relacionados coa festa cabalar no lugar de Souto de San Marco e a pista de trote en Ferreiroas, así como a construción dun complexo deportivo de alto rendemento nos espazos anexos ao campo de fútbol de San Claudio.
Noutras intervencións viarias, realizarase o aglomerado en quente e pintado das pistas do Reto e de Voar, e da pista anexa ao río Mera dende a ponte á área recreativa do Peago. Mellorarase a xardinaría, pavimentos, paramentos e mobiliario urbano no cruzamento de Cariño anexo á ponte do río Mera. Tamén se farán obras de mellora na pista Subsaido ao límite coa parroquia de Mera de Abaixo, e aglomerado en quente, pintado, cunetas e atarxeas na pista da Casanova, xunto co aglomerado e pintado do Zapateiro.
En Serantes e Veiga, ampliarase a rede de saneamento dende Serantes a Leixa, instalaranse bases para contedores (reparando os existentes en toda a parroquia) e redactarase o proxecto da depuradora de San Adrián de Veiga.
Finalmente, en Devesos, xestionarase a compra dunha parcela para aparcamento ao lado do cemiterio parroquial e ampliarase o aparcadoiro anexo ao centro social. As obras viarias inclúen o aglomerado en quente e pintado da pista de Gocende de Abaixo ata o límite co concello de Mañón (lugar do Candedo), e a execución de cunetas remontables, aglomerado e pintado na pista circular da igrexa e cemiterio. Tamén se executarán os proxectos para a cubrición da pista polideportiva de Devesos e para a apertura dun vial circular dende o santuario de Portas á ponte de Penavide.
Ademais, instalarase iluminación LED e colocaranse bases de contedores en todas as parroquias.