ORTIGUEIRA SOLICITA O OBRADOIRO DE EMPREGO “TERRAS DO ORTEGAL”, NO ÁMBITO DA ATENCIÓN SOCIOSANITARIA EN INSTITUCIÓNS SOCIAIS, PARA O SEU CONCELLO XUNTO AOS DE CARIÑO E MAÑÓN
O Concello de Ortigueira acaba de presentar diante da Xunta a solicitude para desenvolver conxuntamente cos limítrofes de Cariño e Mañón un obradoiro de emprego baixo a denominación “Terras do Ortegal”. O taller inscribirase na área de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e contará con 20 alumnos e alumnas.
A iniciativa partiu do alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, que foi quen propuxo aos seus homólogos de Cariño e Mañón a realización conxunta da mesma. Para a posta en marcha deste proxecto, as tres administración locais agardan a concesión dunha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade, e comprométense a facer fronte proporcionalmente ao resto dos custos que se poidan xerar.
Segundo os termos do acordo entre os tres Concellos, o de Ortigueira será o responsable técnico e administrativo do obradoiro, incluíndo toda a tramitación e contratación do profesorado así como a selección de alumnado. O taller impartirase na propia vila e a maioría das persoas que se formarán en el procederán tamén de Ortigueira. Así, a esta localidade correspóndenlle 10 prazas, seis a Cariño e catro a Mañón.
Durante o desenvolvemento do obradoiro dual de emprego o alumno ou alumna traballador recibirá formación profesional para o emprego en alternancia coa práctica profesional. Dende o inicio do obradoiro será contratado polo Concello de Ortigueira na modalidade de contrato para a formación e aprendizaxe e recibirá o salario correspondente. Finalizado o obradoiro os participantes recibirán un certificado expedido polo propio Concello. Este documento servirá á súa vez para solicitar o certificado de profesionalidade na especialidade de “atención a persoas dependentes en institucións sociais “ válido en todo o territorio español que os acredita como profesionais para traballar tanto no servizo de axuda a domicilio como en centros de día e outras institucións sociais