Ortigueira será, por primeira vez, escenario do festival ‘Espazos Sonoros’
O Teatro da Beneficencia será un dos escenarios do festival ‘Espazos Sonoros’ da Deputación da Coruña. Deste xeito, o evento chegará por primeira vez a Ortigueira o próximo 21 de setembro cunha xornada que mesturará a música con visitas turísticas, nunha simbiose perfecta entre música e patrimonio natural e cultural.
Así, o grupo Das Kolorit deleitará ao público ás 19:00 horas sobre as táboas orteganas do Teatro da Beneficencia. Esta formación, que integran Rosalía Gómez, Leon Jänicke, Mariona Mateu e Sophia Schambeck, está especializado nos instrumentos históricos da música de cámara. Nos seus espectáculos exploran novas sonoridades e perspectivas, buscando que o público descubra unha nova forma de vivir a música clásica, nunha atmosfera de concerto vibrante e que transmite unha gran emoción.
Pero as actividades comezarán moito antes. O Concello de Ortigueira escolleu o roteiro polo Xeoparque Cabo Ortegal para dar a coñecer todo o potencial que esconde o municipio a nivel de patrimonio natural. A vista será ás 12:00 horas.
Para abrir boca antes do prato forte, ás 17:00 horas, realizarase unha visita ao conxunto conventual dos Dominicos, un dos elementos arquitectónicos máis importantes do concello.
O concerto é totalmente gratuíto ata completar o aforo do Teatro dá Beneficencia, mentres que, para inscribirse nas actividades, as persoas interesadas poden obter máis información na páxina web do festival: www.espazossonoros.org.
ESPAZOS SONOROS
Desde 2008, o festival ‘Espazos Sonoros’ vén desenvolvendo un intenso labor para unir a música co patrimonio histórico. Ao longo da súa historia, este certame, consolidado xa como un dos decanos da música clásica na provincia, combinou a experimentados grupos galegos con estrelas convidadas do máis alto nivel internacional, como o caso de Das Kolorit en Ortigueira.
Ademais do Teatro dá Beneficencia, haberá concertos no Teatro Colón da Coruña (1 de setembro), a igrexa de Santiago de Mens de Malpica de Bergantiños (8 de setembro), o Casino Ferrolán (14 de setembro), a Casa de Rosalía de Padrón (15 de setembro), e o edificio de actividades náuticas de Porto do Son.
Cabe destacar que ‘Espazos Sonoros’ conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, agradece ao organismo provincial e persoalmente á directora do festival, Belén Bermejo, “que pensaran en Ortigueira para acoller un dos concertos dun dos festivais máis importantes do verán en toda a provincia”. Así, animou “a todo o mundo a desfutar da exclusiva proposta de Das Kolorit, xa que é unha oportunidade única para asistir a un concerto deste nivel no noso teatro”.