Ortigueira renova a pista de pádel cuberta do CEIP José María Lage
A pista de pádel cuberta do CEIP José María Lage xa loce un novo e renovado aspecto tras a substitución da superficie de xogo.
A actuación recolle tamén a instalación da rede de xogo, reparación da soleira existente e as xuntas de dilatación, así como a revisión das suxeicións do vidro.
Así, o renovado recinto foi inaugurado esta semana polo alcalde, Valentín Calvín, así como polos concelleiros, Isabel Rego e Jaime Ponce.
Os traballos teñen un investimento de 8.724 euros, realizada a cargo íntegro de fondos municipais. Tras a inauguración, Calvín destacou que “con esta actuación reforzamos un servizo moi demandado polos veciños e veciñas, nun recinto que desde a súa inauguración no ano 2011 non sufrira ningunha mellora”.
“O investimento neste espazo deportivo reforza o noso compromiso por seguir mellorando as infraestruturas e recintos deportivos, para que a poboación de Ortigueira poida gozar dun deporte de calidade e nunhas condicións óptimas”, rematou o rexedor.


