ORTIGUEIRA RENDE HOMENAXE AO XEÓGRAFO JULIO DÁVILA, FIGURA INSIGNE DA HISTORIA E CULTURA DO MUNICIPIO
O Concello conmemorou onte cunha ofrenda floral o 150 aniversario do nacemento Julio Dávila, recoñecida figura na cultura e historia o municipio. O evento tivo lugar no cemiterio municipal de Ortigueira o día no que se cumpren 50 anos do falecemento do recoñecido xeógrafo, escritor e historiador ortigueirés.
O acto en memoria do que tamén foi cronista oficial do municipio foi presidido polo concelleiro de Cultura, Juan Cao, e contou coa participación da familia de Dávila, que agradeceu ao Concello a organización desta homenaxe. Tamén estivo presente no evento o actual cronista do municipio, Xosé Carlos Breixo. O director da Escola de Gaitas de Ortigueira, Rodrigo López, clausurou o encontro interpretando a marcha de Breixo e o himno galego.
O arranxo floral depositado no cemiterio foi elaborado con ramas de árbores dos xardíns de Ortigueira, feito de enorme simbolismo debido a que foi Dávila quen levou a semente destes desde América ao seu municipio natal.
Este evento é o inicio dos actos que “desde el Concello estamos a preparar para conmemorar o 150 aniversario do nacemento e os 50 anos do falecemento deste célebre persoeiro, cos que pretendemos dar a coñecer a súa figura e obra, chaves na historia e cultura do noso municipio” indicou o concelleiro de Cultura, Juan Cao.
Julio Dávila, historia de Ortigueira
Nacido en Ortigueira no 1871, Julio Dávila Díaz emigrou mozo a Uruguai, onde comezou a traballar como telegrafista. Máis adiante, antes de volver a España, trasladaríase a Buenos Aires. A súa obra inclúe narrativa e ensaio, destacando publicacións como “Apuntes geográficos del partido judicial de Ortigueira” o “Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira”, coas que estuda e percorre a xeografía da comarca.
Dávila foi ademais socio fundador da Asociación protectora da Real Academia Galega (RAG), xerme da RAG, da que foi membro. O seu compromiso con Ortigueira levouno a conseguir importantes melloras para o municipio, como a construción do peirao e o ferrocarril. Os xardíns do Malecón forman tamén parte do seu legado.
A súa destacada traxectoria, sempre defendendo os dereitos dos orteganos, levouno a ser nomeado cronista oficial do Concello e fillo predilecto de Ortigueira.