Ortigueira recibe 162.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, recibiu o pasado 4 de novembro á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, para coñecer polo miúdo algunhas das actuacións municipais financiadas a través da achega de 162.360 euros, da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
Concretamente desprazáronse ao polígono industrial de Cuíña para coñecer a nova miniexcavadora e o remolque de tipo agrícola para o seu desprazamento que o Concello acaba de adquirir para dar apoio ás tarefas de mantemento, conservación de espazos naturais e de control e emerxencia ambiental.
Con cargo a esta mesma axuda da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o Concello vén de incorporar novo equipamento ofimático, conformado por varios ordenadores portátiles, para o persoal municipal.
Ademais a achega autonómica permitiu á entidade local sufragar os gastos de contratación durante catro meses dunha cuadrilla municipal de vixiantes medioambientais. Esta está formada por nove persoas que teñen asignadas funcións de protección do medio ambiente e do espazo natural e que estarán vinculadas ao departamento de limpeza e recollida de residuos sólidos urbáns.



