Ortigueira propón actividades para todos os gustos e idades durante o mes de xaneiro
Ortigueira programa para o mes de xaneiro unha ampla e variada oferta de actividades lúdicas e culturais, que inclúe plans para todos os gustos e idades.
As actividades xa comezaron o pasado día 2, porque ao longo desta semana xa se están a realizar obradoiros de temática de Nadal, como o luns un contacontos, o martes unha actividade de elaboración de gofres e o mércores os máis pequenos da casa elaborarán coroas de magos.
O xoves, 5 de xaneiro, celebrarase o tradicional Desfile de Reis, a partir das 18:00 horas, polas rúas de Ortigueira. Durante o percorrido amenizarán a Charanga O Alecrín, a Banda de Gaitas Ladrido, a Banda de Gaitas Ortegal e a Escola de Gaitas de Ortigueira. Ao remate, as Súas Maxestades recibirán as peticións dos nenos e nenas na Alameda.
O sábado, 7 de xaneiro, terá lugar no Teatro da Beneficencia o Festival Solidario a favor de Asdegal, organizado pola Escola de Gaita de Ortigueira. Contará coa participación da A.F. Ancoradoira de Culleredo e Airiños de Fene, así como formación local. As doazóns destinaranse a esta ONG, que se define como o motor solidario de Galicia. A hora de inicio está fixada para as 19:00 h.
O luns, 16 de xaneiro, terá lugar a inauguración da mostra fotográfica Cegasal, por un contrato socialmente responsable, organizada por Cegasal e na que colabora a Deputación da Coruña.
A exposición estará dispoñible do 10 ao 23 de xaneiro no Claustro do Concello, de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas.
Finalmente, o sábado, día 28, celebrarase no Teatro da Beneficencia, a partir das 19:30 horas, o Concerto da Orquestra de Cámara Galega, promovido pola Deputación da Coruña, con entrada libre ata completar capacidade.
Dende o Concello de Ortigueira animan a todos, veciños e visitantes, a gozar do completo programa de actividades que se propón para este mes.