Ortigueira mellora o acceso ao Banco de Loiba coa rehabilitación do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico
O Concello de Ortigueira rematou as obras de mellora nun tramo do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico, situado na costa do Picón, na parroquia de Loiba. Esta intervención realizouse como resposta ao peche do acceso rodado no vial existente entre o núcleo de vivendas e o popular “Banco de Loiba”, debido a un desprendemento de terra que supoñía un risco para os usuarios.
Os traballos centráronse na rehabilitación dun tramo do antigo camiño real, que estaba cuberto de vexetación, co obxectivo de garantir un tránsito seguro para vehículos, bicicletas e peóns. A intervención consistiu na pavimentación dun tramo de 212 metros de longo e 2,50 metros de ancho, respectando o trazado orixinal e minimizando a ocupación do espazo.
Entre as actuacións realizadas inclúense o rozado das marxes, a retirada de terra vexetal, a formación de gabias, a instalación de sistemas de saneamento de augas pluviais e a compactación do firme con materiais axeitados. Tamén se instalou sinalización indicativa para facilitar o uso do camiño.
O financiamento, que alcanzou un importe total de 11.870,56 € (IVE excluído), foi asumido integramente pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia. Os máis de 2.000 euros restantes ata os 14.383 foron financiados polo Concello de Ortigueira. Esta actuación contou co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nun 80%, a Xunta de Galicia nun 14% e o Estado nun 6%.