Ortigueira inaugura o inicio do curso escolar 25/26
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, acompañado pola concelleira de Educación, Ana Cartelle e demais membros da corporación municipal, visitaron esta mañá o CEIP José María Lage coincidindo co inicio do curso escolar 2025/2026.
Ademais, a visita contou coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e do director territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, que supervisaron , xunto a comitiva municipal, o resultado das actuacións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP levou a cabo este verán no centro educativo e cun investimento de preto de 30.000 euros.
Os traballos consistiron na substitución dos marcos e portas de madeira das aulas co fin de erradicar a presenza do caruncho leva afectando ás instalacións educativas nos últimos anos.
Aneiros lembrou que se trata da segunda fase da intervención despois de que no verán do pasado ano a consellería actuase nas aulas da segunda planta onde se procedeu á substitución dos elementos de madeira que dividían as mesmas. O investimento total de ambas actuacións supera os 77.000 euros.
Durante a visita, a comitiva insitucional puido saudar aos 183 alumnos e 24 docentes que hoxe comezaron as clases no centro educativo.