Ortigueira impulsa o programa “Soidade non desexada” para previr o illamento social
Ademais do servizo psicolóxico que prensa o CIM a todas as mulleres, desde o pasado mes de marzo, o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ortigueira conta cun profesional da psicoloxía. Este novo recurso que permite reforzar a atención á veciñanza e desenvolver programas específicos centrados no benestar emocional e social das persoas.
Entre estas novas iniciativas destaca o programa “Soidade non desexada”, que nace coa intención de previr, detectar e intervir en casos de illamento social, un fenómeno que afecta especialmente á poboación maior e que pode ter consecuencias negativas na saúde física e mental.
O programa estrutúrase ao redor dun protocolo que busca tanto a detección temperá como a atención personalizada das persoas que se atopen en risco de soidade non desexada. Para iso, cóntase coa colaboración cidadá a través da figura dos “radares” veciñais, que axudan a identificar posibles situacións de illamento.
As persoas participantes poden acceder a diferentes servizos, como información sobre recursos sociais, culturais e de lecer; e acompañamento e apoio psicosocial, que pode ser telefónico ou presencial, tanto en despacho coma no fogar.
Con este proxecto, o Concello de Ortigueira reafirma o seu compromiso por fomentar unha comunidade máis próxima, inclusiva e sensible, na que ningunha persoa quede atrás nin se vexa obrigada a enfrontar situacións de soidade de maneira silenciosa.
As persoas interesadas no programa poden contactar co Departamento de Servizos Sociais no teléfono 981 402 542 ou a través do móbil 604 014 456, preguntando por José Manuel.