Ortigueira entrega os premios do II Concurso de Microrrelatos Arrós, no que participaron máis de 70 mozos e mozas
- O acto celebrouse na tarde de onte no Teatro da Beneficencia.
- Eloi Miranda Castañeda gañou a categoría dirixida a menores de 7 a 12 anos co seu poema “O galego e eu”, mentres que Sofía Pérez Camba fíxose co triunfo na modalidade de 13 a 18 anos, coa súa obra “Defensores da nosa lingua”.
- O evento forma parte dos actos que o Concello organiza con motivo das Letras Galegas.
Máis de 70 mozos e mozas de Ortigueira se presentaron á segunda edición do Concurso de Microrrelatos Arrós. A proposta enmárcase nos actos en conmemoración do Día das Letras Galegas 2022, e con ela o Concello pretende fomentar a creación literaria en galego.
Na tarde de onte tivo lugar o acto de entrega de premios no Teatro da Beneficencia, no que Eloi Miranda Castañeda se fixo co galardón da categoría dirixida a menores de 7 a 12 anos polo seu poema “O galego e eu”. Sofía Pérez Camba foi a gañadora na de 13 a 18 anos, coa súa obra “Defensores da nosa lingua”. Juan Cao, concelleiro de Cultura, fixo entrega aos premiados dun diploma e un vale de 50 euros para mercar material didáctico, escolar ou educativo en establecementos do comercio local.
O edil felicitou aos gañadores e destacou a calidade das propostas presentadas na segunda edición deste certame, que dificultou a escolla das obras gañadoras por parte do xurado.
O Concello segue a dar pasos adiante para consolidar este concurso literario, organizado pola concellería de Cultura co obxectivo de impulsar a creación artística en galego, achegando “á nosa mocidade ao mundo das letras e iniciándoos na escrita”, sinalou Cao. Das 72 persoas participantes, 50 foron rapazada de primaria e 22 de secundaria.
Juan Cao agradeceu na súa intervención “a implicación dos dous centros educativos e profesorado do IES de Ortigueira e o CEIP José María Lage, así como a todas e a todos os que vos presentastes”. A xuventude participante na iniciativa tivo que escribir un pequeno texto relacionado co Día das Letras Galegas ou co autor homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán.
O acto de entrega de premios contou cunha clausura de excepción, levada a cabo polo Coro de Espasante.