ORTIGUEIRA DIXITALIZA VARIOS FONDOS DO SEU ARQUIVO, ALGÚNS DELES DO SÉCULO XVI
Os traballos contaron cunha subvención de case 16.000 euros da Amtega, a Secretaría de Cultura da Xunta e a Unión Europea a través dos Fondos FEDER
O Arquivo do Concello de Ortigueira completou o traballo de dixitalización de varios fondos documentais -algúns deles do século XVI- grazas a unha subvención concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta e cofinanciada polos fondos FEDER da Unión Europea dentro do programa operativo para garantir un mellor uso das tecnoloxías da información. Con esta axuda púxose en marcha un plan para a xestión dixital do patrimonio cultural.
A documentación á que xa se pode acceder en formato dixital, e que está a disposición dos investigadores e as persoas interesadas, son os libros de acordos do Pleno entre 1549 e 1996; os da Comisión de Goberno de 1915 a 1996 e o Fondo do Concello de San Adrián de Veiga (1836-1849). Pódense consultar a través do Arquivo Dixital de Galicia no seguinte enlace:
A subvención coa que se levaron a cabo estes traballos -que se convocou en réxime de concorrencia competitiva- ascendeu a 15.847,93 euros e a adxudicación realizouse á empresa Vinfra, S.A., que desprazou ata Ortigueira os medios e persoal para levalos a cabo. Foi o técnico especialista en dixitalización histórica Xoán Alberte Porto o encargado das tarefas, que se desenvolveron entre o 10 de xuño e o 8 de agosto do 2019.
Desde a entidade ortegana destacan a importancia de conservar adecuadamente unha documentación “que é imprescindible para coñecer o noso pasado”.