Ortigueira contará con 152 trampas de avespa velutina a través da campaña da Xunta de Galicia
O Concello de Ortigueira vén de adherirse á campaña de loita contra a avespa velutina da Xunta de Galicia. Así, o Seaga está a instalar 152 trampas no municipio ortegano, tomando como referencia a localización dos niños en anos anteriores onde se detectaron 284 avisos no ano 2023 e 168 avisos no 2024.
Un dos eixos deste proxecto é o trampeo xeolocalizado, planificado e controlado para combater con máis eficacia este insecto. Este trampeo, que atende a unha das principais demandas do sector, permite facer un seguimento e estudar a evolución cos datos recolleitos.
Este plan, coordinado por parte de todos os axentes implicados, leva a cabo un seguimento exhaustivo da evolución das trampas, con revisións cada 15 días para actualizar os datos e repoñer o líquido.
Esta campaña tamén integrou outros compoñentes como charlas formativas organizadas co fin de informar sobre a expansión da avespa velutina e trasladar a importancia de elaborar unha fronte común entre toda a sociedade. Nelas explícase como actuar en cada caso e danse indicacións sobre como se está levando a cabo o trampeo.
O goberno local tamén insta a todos os veciños e veciñas a contactar co Teléfono de Atención e Información á Cidadanía (012) cando se detecte un niño de avespa velutina, co obxectivo de loitar en conxunto contra esta praga.