ORTIGUEIRA CELEBROU CUN EMOTIVO ACTO O DÍA DA MULLER E CONTINUARÁ A CONMEMORACIÓN O DÍA 17
O Concello de Ortigueira conmemorou onte o 8 de Marzo coa presentación en Mera e Espasante do proxecto “Con voz de muller”, unha iniciativa de recuperación da memoria das mulleres que pon en valor o seu legado e a súa contribución á comunidade local.
A este emotivo acto asistiron as protagonistas da iniciativa así como o alcalde, Juan Penabad Muras, a responsable das sesións desenvolvidas coas participantes, Sara Vierna, e o equipo do Centro de Información á Muller.
Todas as persoas asistentes recibiron un libro sobre o proxecto, que tamén está dispoñible para recoller gratuitamente na biblioteca municipal, no Concello e no propio CIM.
A celebración do Día da Muller en Ortigueira continuará o vindeiro día 17 de marzo ás 19.00 horas co obradoiro en liña “Fotografía e xénero”, impartido por Ffotoeduca e para o que hai que inscribirse a través do correo electrónico cim@concellodeortigueira.com. Os obxectivos son aprender os principios básicos da fotografía e observar e analizar imaxes desde a perspectiva de xénero, ademais de coñecer a historia das mulleres orteganas a través das fotografías recompiladas polo CIM e Almas Meraki. A participación é gratuíta.