Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA ADXUDICA POR 94.300 EUROS AS OBRAS DE RENOVACIÓN DE PISTAS NAS NEVES, INSUA E FREIRES

O Concello de Ortigueira adxudica por 94.300 euros as obras para acondicionar e renovar 2,6 quilómetros de camiños rurais nas parroquias das Neves, Freires e Insua. As actuacións están financiadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Os traballos de mellora realizaranse no camiño de acceso a Portoseco (As Neves), que conecta o lugar de San Pedro coa parroquia de Insua. Tamén se pavimentará o acceso a Salgueirón ( Freires), que une a parroquia de Devesos coa de Cuíña, pasando por Feires. Á súa vez, acondicionarase o camiño de acceso aos lugares de Ameixeiras e Veiga desde o cruzamento da estrada provincial DP-2503 no lugar da Igrexa e ata a DP-4906. Por último, realizaranse labores no acceso a Silvao desde a DP-4906.

Os traballos permitirán mellorar as pistas, próximas a instalacións agrogandeiras e parcelas de uso agrícola, a través dunha capa de rodadura con aglomerado en quente e instalar nova sinalización horizontal co obxectivo de facer destes roteiros itinerarios máis seguros para a poboación. As actuacións tamén inclúen a limpeza de cunetas onde sexa necesario e a instalación de cuneta de formigón para mellorar a drenaxe.

O edil de Medio Rural, Miguel Ángel Yáñez, indicou que “estas tarefas permiten seguir acondicionando os camiños rurais do noso municipio, co obxectivo de seguir mellorando as nosas conexións para facer de Ortigueira un municipio máis vertebrado e con estradas con maior seguridade tanto para o tráfico rodado como para o peonil”.

Back to top