Ortigueira adquire unha cadeira anfibia e dous flexipasarelas para facer das súas praias un lugar disfrutable para todos e todas
O Concello de Ortigueira continúa coa súa política de mellora de accesibilidade nas súas praias coa adquisición de novos equipamentos destinados a facilitar o goce dos areais a todas as persoas, poñendo o foco especialmente naquelas con mobilidade reducida. Nesta ocasión, investíronse 8.845 euros de fondos propios para a compra dunha cadeira anfibia e unha flexipasarela para a praia de Morouzos, así como unha flexipasarela adicional para a praia da Concha, na parroquia de Espasante.
Esta actuación enmárcase na estratexia municipal de facer de Ortigueira un lugar máis inclusivo e amable para todas as persoas, onde a contorna natural e os espazos públicos estean adaptados para ofrecer igualdade de oportunidades a toda a cidadanía e os visitantes. Grazas a este investimento, mellórase notablemente a comodidade e seguridade de quen require apoios dalgún tipo para acceder ao mar, contribuíndo a que as praias do municipio sexan espazos disfrutables para todos.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, subliña que “o esforzo por adaptar as praias non só responde a criterios de inclusión social, senón tamén á vontade de ofrecer un destino turístico de calidade, moderno e comprometido coa diversidade. A accesibilidade das nosas praias non é unha opción, senón unha necesidade, como demostramos con esta e outras actuacións anteriores”.