Ortigueira acolle o ‘Nadal Galego’ de Pérez Porto ata o 5 de xaneiro
O Concello de Ortigueira acolle ata o próximo 5 de xaneiro de 2024 o ‘Nadal Galego’ de Francisco Pérez Porto. Poderase contemplar no ambigú do Teatro da Beneficencia os mércores, xoves e venres, de 11:00 a 13:00 horas; nos concertos e actividades ou con cita previa noutro horario.
O artista iniciouse no mundo da cerámica para facer voar a súa imaxinación e plasmar nelas diferentes sentimentos e emocións. Foi na súa primeira etapa como artista, na Coruña, cando creou o ‘Nadal Galego’. Unha composición de máis de 70 pezas na que describe as historias e vivencias dun neno que nace nunha aldea de Galicia.
Son creacións ocas, realizadas sen molde, unha técnica moi pouco habitual e que as converte en elementos completamente irrepetibles. Son de cerámica de barro refractario que transmiten os costumes e tradicións da sociedade galega, algo que o autor tentaba plasmar sempre nas súas obras.
Así pois, represéntanse momentos como a matanza, o magosto, os ‘maios’, os xogos populares, unha procesión, a música popular galega ou a ‘sorte do paxariño’.
O autor é creador da emblemática escultura do municipio ‘A despedida’, na que fai referencia ás persoas emigrantes. Ao longo da súa carreira recibiu múltiples premios.