O STAND “AGRESIÓNOFF” DESENVOLVERÁ ESTE XOVES EN ORTIGUEIRA ACTIVIDADES PARA AXUDAR A ELIMINAR A VIOLENCIA CONTRA A MULLER
O stand de AgresiónOFF da Secretaría Xeral de Igualdade estará durante toda a mañá deste xoves na alameda de Ortigueira para mostrar diferente material (vídeos e xogos entre outros) relacionado coa prevención das agresión sexuais. A actividade forma parte da programación da Concellería de Igualdade de Ortigueira para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cuxa data central é o vindeiro 25 de novembro e que contará ademais cunha campaña propia deseñada exclusivamente polo Concello.
No stand desenvolveranse actividades guiadas polas técnicas do programa, concretamente as tituladas “Onde está o límite?”, “O kahott da Igualdade”, “Eu non necesito filtros”, “Non me contes contos”, “Ruleta do amor romántico” e “Canto de estereotipada está a túa mente?”.A participación realizarase en grupos reducidos para manter a seguridade.
Ademais, fóra do stand haberá uns códigos QR denominados “A Información ao alcance da túa man” a través dos que se poden escanear vídeos e datos xerais sobre a prevención de agresións sexuais. Por outra banda, instalarase unha urna co lema “Ampliemos o decálogo contra a violencia sexual” na que se poderán deixar reflexións sobre esta iniciativa e engadir propostas para aumentar o devandito decálogo.