O dragado do porto de Espasante dá un paso máis e sae a información pública
O Concello de Ortigueira anuncia que o proxecto de dragado do porto de Espasante, promovido por Portos de Galicia, entrou en fase de información pública, paso previo á súa próxima licitación por un importe de 1.164.340,35 euros. Trátase dunha das actuacións máis destacadas da historia recente de Ortigueira, tanto pola súa dimensión económica como polo seu impacto directo na operatividade do porto e na protección do litoral.
O proxecto ten como finalidade resolver os problemas de sedimentación que actualmente dificultan o uso normal das instalacións portuarias. Esta situación, provocada pola dinámica natural de acumulación de sedimentos, impide que moitas embarcacións poidan manobrar ou atracar en condicións adecuadas. A intervención contempla un plan plurianual de dragado, cunha primeira fase de recuperación do calado e actuacións futuras de mantemento adaptadas ás necesidades.
En total, dragaranse 42.150 metros cúbicos de material na primeira intervención e 33.437,50 metros cúbicos no cuarto e último ano. A zona abrangue tanto o acceso ao porto como a dársena interior, sobre unha superficie que supera os 24.000 metros cadrados.
O material extraído, catalogado por Portos de Galicia como apto para a súa reutilización, terá como destino prioritario a praia da Concha, na propia localidade de Espasante, onde este sedimento contribuirá a frear o retroceso da liña de costa e a estabilizar o sistema dunar. O transporte realizarase mediante unha draga de succión e unha condución flotante. Tamén se contempla unha alternativa técnica para o vertido nunha zona autorizada en alta mar, situada a unhas sete millas do porto.
Ao ser exposto ao público, tanto as administracións afectadas como a cidadanía poderán presentar alegacións ou observacións sobre os posibles efectos ambientais desta actuación no contorno.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou que “esta é unha obra longamente agardada polo sector marítimo do municipio. O dragado de Espasante é fundamental para recuperar a operatividade do porto e garantir que as nosas embarcacións poidan traballar con normalidade e seguridade durante todo o ano”.
Calvín subliñou a magnitude dunha inversión que “destina máis de 1,1 millóns de euros a Ortigueira”, o que “amosa a implicación de Portos de Galicia e, por extensión, do goberno autonómico. Estamos ante unha das intervencións máis importantes da última década no noso municipio, tanto polo seu impacto económico como polo seu valor estratéxico para o desenvolvemento portuario e a protección dun dos nosos grandes valores: o inigualable contorno costeiro”.