O concurso de pinchos ‘Ortigueira a bocados’ celebrarase do 9 ao 11 de maio
O Concello de Ortigueira pon en marcha unha nova edición do concurso de petiscos Ortigueira a Bocados, un evento gastronómico que cada ano atrae a veciños e visitantes co obxectivo de dinamizar o sector hostaleiro e promocionar a riqueza culinaria do municipio.
Durante os días do certame, que se desenvolverá do 9 ao 11 de maio, os bares e restaurantes participantes ofrecerán unha selección de petiscos orixinais e de alta calidade, deseñados especialmente para a ocasión. Os asistentes poderán percorrer os distintos establecementos e degustar estas creacións, elaboradas con produtos de proximidade e co selo persoal de cada cociñeiro. Ademais, o público terá un papel fundamental, xa que poderá valorar e votar as súas propostas favoritas, contribuíndo á elección dos petiscos gañadores.
Ademais, as bases establecen que, se hai unha gran participación de establecementos e comensais, esta edición poderá prorrogarse durante os días 16, 17 e 18 do mesmo mes.
O Concello de Ortigueira destaca a importancia deste concurso non só como unha oportunidade para apoiar á hostalería local, senón tamén como unha forma de impulsar o turismo gastronómico na zona. En edicións anteriores, o evento contou cunha gran acollida, converténdose nun referente para quen goza da boa mesa e buscan descubrir novos sabores nunha contorna única.
Desde o Concello convídase a todos os veciños e visitantes a sumarse a esta celebración gastronómica e a gozar do talento e creatividade dos hostaleiros de Ortigueira. Para máis información sobre as datas, a mecánica do concurso e os establecementos participantes, recoméndase consultar as canles oficiais do Concello.
Descarga aquí as bases do concurso.