O Concurso de Disfraces de Entroido de Ortigueira repartirá 3.700 euros en premios
O Concello de Ortigueira convoca o Concurso de Disfraces de Entroido 2026, que se celebrará o luns 16 de febreiro, co obxectivo de fomentar a participación cidadá, dinamizar a vida cultural do municipio e poñer en valor as tradicións propias do Entroido.
A principal novidade desta edición é o incremento do importe total destinado a premios, que pasa dos 3.400 euros do ano 2025 a un total de 3.700 euros en 2026. Outra das melloras destacadas afecta á categoría destinada a asociacións e centros educativos do municipio. Mentres que en edicións anteriores existía un único premio, nesta convocatoria establécense tres premios diferenciados, o que supón un recoñecemento máis amplo ao traballo colectivo destas entidades.
Así mesmo, introdúcese un cambio relevante no réxime de participación das asociacións e centros educativos. Ata o de agora, a inscrición nesta categoría impedía concorrer á categoría xeral de grupos. En 2026, estas entidades poderán participar en ambas as modalidades, corrixindo unha situación que resultaba limitativa, aínda que os premios non serán acumulativos, de modo que cada grupo ou entidade só poderá resultar beneficiario dun único premio.
O concurso contempla distintas categorías de participación co fin de adaptarse á diversidade de formatos e idades. Poderán inscribirse disfraces individuais, en parella ou trío; grupos de entre catro e dez persoas; grupos de once ou máis integrantes e, de maneira específica, asociacións e centros educativos do municipio de Ortigueira.
En canto aos premios, establécense tres galardoes por cada categoría. Na modalidade individual, parella ou trío outorgaranse premios de 200, 100 e 50 euros. Os grupos de catro a dez integrantes optarán a premios de 500, 250 e 150 euros, mentres que os grupos de once ou máis persoas poderán recibir 800, 400 ou 200 euros. Na categoría de asociacións e centros educativos do municipio, os premios ascenden a 600, 300 e 150 euros respectivamente.
O desfile do concurso terá lugar o luns 16 de febreiro, con saída ás 21:00 horas desde a Biblioteca Municipal Fernández Latorre e final na Praza de Isabel II. A inscrición poderá realizarse desde o día seguinte á publicación oficial das bases e permanecerá aberta ata o propio día do desfile.