O CONCELLO UNIFICA NO CENTRO SOCIAL DE ORTIGUEIRA A ATENCIÓN RELACIONADA CO EMPREGO
A máquina de renovación da tarxeta de demandante de emprego acaba de ser trasladada desde o Concello ao Centro Social de Ortigueira, onde xa está operativa. Así o notificou o Servizo de Orientación Laboral do Concello, que tamén ten a súa sede no devandito centro e que explica que o motivo do cambio é ter centralizada nun mesmo lugar a atención aos veciños e veciñas para facilitar todos os trámites sen desprazamentos innecesarios.
A máquina permite a renovación da demanda de emprego por tres sistemas: código PIN, contrasinais da oficina virtual ou pegada dixital rexistrada, que é o método que utilizan a maioría das persoas. A través dela pódese realizar tamén calquera consulta na Oficina Virtual de Emprego. Pola súa banda, o Servizo de Orientación Laboral asesora en todos os trámites relacionados con estes temas.