Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO REPARTIRÁ 120 QUILOS DE MEL DA COMARCA DOADOS POR DAGA ORTEGAL PARA OS VECIÑOS E VECIÑAS EN SITUACIÓNS DE VULNERABILIDADE

A solidariedade entre veciños é fundamental e os xestos neste sentido son de agradecer máis aínda en momentos de crise como os que estamos vivindo. DAGA Ortegal – entidade pertencente á Asociación Galega de Apicultura- acaba de doar 120 quilos do afamado mel da comarca, recollidos polos seus asociados, para que o Concello os distribúa entre as persoas que se atopan en situacións de vulnerabilidade.

O alcalde, Juan Penabad Muras, recolleu a doazón nun sinxelo acto celebrado no Concello ao que asistiron responsables de DAGA Ortegal e no que o rexedor municipal trasladou o agradecemento por esta iniciativa, tanto en nome propio como dos veciños e veciñas que se beneficiarán dela. Muras salientou tamén o traballo de promoción do mel da comarca que se realiza desde a entidade. O reparto do produto comezará nos vindeiros días.

O Concello de Ortigueira mantén unha estreita colaboración coa asociación de apicultura do Ortegal, coa que organiza conxuntamente numerosas actividades, entre elas cursos de formación. Neste marco de traballo conxunto destaca sobre todo a tradicional Feira do Mel de finais de ano, á que nas últimas edicións sumouse a Feira da Mazá e que ten como obxectivo promocionar uns produtos que destacan na zona pola súa calidade.

Back to top