O Concello reforza o departamento de Urbanismo coa incorporación dun novo arquitecto
O Concello de Ortigueira mellora a súa xestión técnica coa contratación, efectiva desde este pasado mércores, dun novo arquitecto municipal. Esta incorporación enmárcase dentro dun programa estratéxico destinado aos servizos de estudo e actualización do urbanismo local, unha iniciativa que busca optimizar os procesos administrativos e garantir un desenvolvemento ordenado do territorio.
O novo profesional desempeñará as súas funcións durante un período inicial de nove meses, tempo durante o cal centrará os seus esforzos na análise e en aliviar a saturación do departamento. O obxectivo principal deste reforzo é dotar ao Servizo de Urbanismo dunha maior capacidade de resposta #ante as demandas veciñais e os proxectos de infraestrutura que o municipio ten en marcha, axilizando a tramitación de expedientes e modernizando as ferramentas de planificación.
Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira, expresou a súa satisfacción por este reforzo técnico, sinalando que “a chegada deste profesional é unha excelente noticia para o concello porque permitirá desatascar procesos que son fundamentais para o crecemento económico e social do municipio”. Calvín subliñou ademais que o urbanismo é o motor que define o futuro de Ortigueira e que, con esta actualización dos servizos de estudo, o goberno local busca ofrecer unha maior seguridade xurídica aos cidadáns e facilitar a chegada de novos investimentos que redunden no benestar de toda a comunidade.