Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO PRESENTARÁ NO TEATRO DE BENEFICENCIA O PROXECTO “CON VOZ DE MULLER”

Coincidindo coa semana na que se celebra o Día Internacional da Muller Rural, a Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Ortigueira presentará, o vindeiro 19 de outubro ás 19.30 horas no Teatro de Beneficencia, o proxecto “Con voz de muller”.

Trátase dunha iniciativa que se veu desenvolvendo nos últimos meses nas parroquias de Loiba e San Claudio de maneira experimental para aplicala despois ao resto do concello e o seu obxectivo é “crear un espazo de empoderamento para as mulleres a través da reflexión e a indagación das súas propias historias de vida, recuperar a memoria das mulleres, poñer en valor o seu legado e dignificar a súa contribución e presenza na comunidade local”. A execución do proxecto correspondeu á entidade Almas Meraki.

Nas dúas parroquias fixéronse reunións grupais nas que as participantes traballaron na autoconciencia colectiva, afondaron nas súas propias narrativas e achegas e foron quen de posicionalas onde merecen.

Todo este traballo recóllese nunha pequena publicación que inclúe as historias de vida das mulleres, os seus relatos e as súas vivencias.

No acto do día 19 intervirán o alcalde, Juan Penabad Muras; a concelleira de Patrimonio e Cultura, Vanesa Trevín, e as propias mulleres de Loiba e San Claudio, que contarán como resultou a experiencia. Para rematar, farase entrega duns diplomas ás participantes

Back to top