Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello pide á Xunta a implantación do servizo de Hospitalización a Domicilio

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira de Sanidade, Ana Cartelle, reuníronse recentemente co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, nun encontro no que se avanzou na implantación de novos servizos e na mellora dos recursos sanitarios do municipio.

No encontro solicitouse a implantación do servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) en Ortigueira. Este modelo asistencial permite que determinados pacientes reciban no seu propio fogar unha atención sanitaria equivalente á hospitalaria, evitando ingresos innecesarios e favorecendo unha recuperación máis cómoda e personalizada. O servizo contaría cun equipo específico integrado por un médico e dúas enfermeiras, que se encargarían do seguimento clínico, os tratamentos e a coordinación co resto do sistema sanitario, reforzando deste xeito a atención continuada no ámbito domiciliario.

Outro dos asuntos tratados foi a mellora da operatividade do heliporto municipal. Na actualidade, o heliporto xa permite a chegada e saída de helicópteros de emerxencias durante o día, e o obxectivo exposto é ampliar este servizo para que poida funcionar as 24 horas. Para iso, prevese a firma dun convenio con Portos de Galicia que permita sinalizar adecuadamente a instalación mediante balizas, posibilitando as aterraxes nocturnas e aumentando a capacidade de resposta #ante emerxencias sanitarias en calquera franxa horaria.

Así mesmo, durante a reunión trasladouse a necesidade de dotar ao municipio dunha ambulancia medicalizada, un recurso fundamental para garantir unha atención rápida e especializada en situacións de urxencia, especialmente nun territorio cunha poboación dispersa como o de Ortigueira.

Desde o Concello de Ortigueira sublíñase a importancia destes avances, que supoñen un paso significativo na mellora da atención sanitaria e no reforzo da seguridade e o benestar da poboación, así como a vontade de continuar traballando de forma coordinada coa Xunta de Galicia para seguir ampliando e mellorando os servizos públicos.

Back to top