O CONCELLO ORGANIZA UN AMPLO CALENDARIO DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS CARA AO VERÁN
O Concello de Ortigueira desenvolverá este ano unha ampla campaña de actividades deportivas para todas as idades, algunhas delas en colaboración coa Deputación da Coruña e outras pola súa conta, que en todos os casos teñen prazas limitadas.
A actividade que ten máis próximo o remate do prazo de inscrición son os cursos de iniciación ao surf que organiza a Concellería de Cultura para adultos e menores empadroados en Ortigueira. Para os primeiros a data límite de inscrición é o 29 de maio e desenvolveranse todas as fins de semana (sábados e domingos) do mes de xuño. O prezo é de 20 euros.
Para os menores entre 10 e 17 anos haberá un curso do 24 ao 28 de xuño -data límite de matrícula o 19 de xuño- e outro do 1 ao 5 de xullo -para o que se poden inscribir ata o 26 de xuño-. O prezo neste caso é de 12 euros. Os cursos terán lugar na praia de Espasante e é requisito imprescindible saber nadar. Facilitaranse traxes de neopreno e tablas.
O Concello organiza tamén cursos de iniciación ao kajak entre os días 1 e 5 de xullo, con 20 prazas dispoñibles. A idade mínima para se apuntar é de 7 anos e é obrigatorio saber nadar. O prezo establécese en 25 euros e a data límite de matrícula é o 26 de xuño.
Como é habitual, desenvolveranse tamén cursos de natación, tanto de iniciación como de perfeccionamento, durante todo o verán. Hai a posibilidade de facer un curso semanal, de luns a venres ou mensual dun ou varios días á semana. Nos cursos semanais os horarios son de 10.00 a 10.45; de 20.30 a 21.15 e de 21.15 a 22.00 para adultos e de 10.45 a 11.30; de 11.30 a 12.15 e de 12.15 a 13.00 para menores de idade. Os prezos pódense consultar na piscina e as prazas son limitadas por orde de inscrición.
Para os campamentos deportivos que se organizan en colaboración coa Deputación o prazo remata o vindeiro día 31 de maio. As solicitudes téñense que entregar na piscina municipal. Hai tres prazas dispoñibles para rapaces e rapazas de 9 a 14 anos de idade e se o número de inscricións é superior levarase a cabo un sorteo. As actividades desenvolveranse no colexio Calvo Sotelo da Coruña, desde onde os participantes se desprazarán a outros lugares para participar en actividades culturais ou deportivas. O prezo é de 85 euros e o campamento terá lugar do 7 ao 12 de xullo.
Tamén en colaboración coa Deputación terá lugar un curso de iniciación á vela que se impartirá do 5 ao 9 de agosto. Neste caso as idades ás que está dirixido son de 9 a 18 anos e o número de prazas é de 40, vinte en horario de mañá e outras vinte en horario de tarde. É imprescindible saber nadar e o prezo é de 25 euros. O prazo de inscrición remata o 24 de xullo.
Por outra banda, o Concello desenvolverá o campamento urbano Ocio Verán, para nenos e nenas de 3 a 12 anos, que inclúe excursións, xogos ao aire libre e acuáticos, actividades deportivas e diferentes obradoiros con base no CEIP José María Lage e visitas á piscina, biblioteca, praia, etc. Por primeira vez terán lugar todas as semanas de xullo e agosto, incorporándose tamén as do Festival Celta e as festas de Santa Marta, datas nas que outros anos non había campamento e aínda que o horario é de 9.30 a 14.00 horas, pódese comezar antes, ás oito da mañá nos casos nos que así se solicite. O prezo é de 22,50 euros para cinco días de actividade; 18 para catro días e 30 no horario ampliado. Haberá descontos do 50% a partir do segundo membro da mesma familia participante.
Nas seguintes ligazóns pode descargarse máis información sobre todas estas actividades:
VER PDF Ficha Campamento Ortigueira 2019
VER PDF Cartel campamentos deportivos 2019