O CONCELLO INSTALARÁ UN PUNTO INFORMATIVO SOBRE COMPOSTAXE CASEIRA O DÍA 18 NA ALAMEDA
A campaña informativa sobre a compostaxe caseira que este ano levará a cabo o Concello de Ortigueira comezará o vindeiro día 18 de marzo, coa instalación na Alameda dunha carpa sobre as vantaxes deste sistema de eliminación de residuos. Entre as 11.30 e as 13.30 horas, os veciños e veciñas interesadas en coñecer polo miúdo os detalles da compostaxe caseira poderán achegarse a estas instalacións, onde recibirán toda a información. O prazo de inscrición para participar está aberto e o único requisito que haberá que cumprir é disponer dun terreo axeitado para realizar a recollida separada e valorización dos biorresiduos a través dun proceso de compostaxe “in situ”.
O proxecto, que comezou o pasado ano, ten financiación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e da Xunta e este ano está prevista a entrega dun cento de composteiros, a realización de tres accións formativas e a instalación de cinco puntos para dar información aos posibles interesados.