O CONCELLO DE ORTIGUEIRA RECADA FONDOS PARA A ASOCIACIÓN PRO-MINUSVÁLIDOS ASPROMOR A TRAVÉS DA INICIATIVA “VECIÑO SOLIDARIO”
O Concello de Ortigueira é un dos 45 municipios de Galicia que participan na iniciativa “Veciño solidario”, unha idea do exciclista Ezequiel Mosquera para axudar directamente aos concellos ou as súas asociacións sociais nestes difíciles momentos.
A través da plataforma posta en marcha pola empresa de incricións en probas deportivas EME Sports pódense realizar donacións para recadar fondos destinados a axudas sociais ou colectivos desfavorecidos de cada localidade. Son os propios Concellos os que determinan se se ocupan de xestionar a recadación directamente ou ben de entregarlla a asociacións con fins sociais. No caso de Ortigueira, os cartos serán para a Asociación Pro-Minusválidos Aspromor, segundo informou o alcalde, Juan Penabad Muras.
O donativo mínimo é de 3 euros e pódese realizar a través da web www.emesports.es, aínda que tamén hai información nas redes sociais de #Veciñosolidario. A empresa non obtén beneficio algún pola xestión. O prazo de recollida de cartos é dun mes.