Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira propón a creación dunha Casa da Mocidade á Deputación da Coruña

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, mantivo onte unha reunión coa deputada de Política Social, Educación e Mocidade, María del Mar García Vidal, e coa delegada especial de Educación e Mocidade, Eudoxia María Neira Fernández.

No encontro, Calvín explorou a posibilidade de crear en Ortigueira unha Casa da Mocidade co apoio da Deputación da Coruña. Trátase dun servizo que o Concello considera moi necesario para os mozos e mozas do municipio.

Tanto é así que o goberno local xa ten a localización na que podería crearse este novo espazo: o Local da Avenida, un antigo hotel propiedade do Concello que leva anos en desuso.

O gobernante expuxo a situación e deu a coñecer ás delegadas os beneficios que supoñerían a creación dunha Casa da Mocidade no municipio. A reunión desenvolveuse en boa sintonía e, pola súa banda, a Deputación acolleu a proposta de boa maneira.

Como conclusión do encontro, o Concello de Ortigueira terá que enviar ao goberno provincial unha memoria na que se detalle o custo da reforma para adaptar o edificio ás necesidades do seu novo uso. A partir desta documentación, a Deputación estudará as posibles vías de financiamiento e tomará unha decisión ao respecto.

Tras a reunión, Valentín Calvín afirmou que “temos esperanzas de que o proxecto saia adiante, pois o trato das deputadas cara a proposta foi moi boa. Nesta reunión primou o interese xeral da poboación e estamos convencidos de que unha Casa da Mocidade en Ortigueira sería un servizo esencial do municipio”.

 

Back to top