O Concello de Ortigueira pon en marcha ‘Xantar na Casa’, que beneficiará a 28 familias
O Concello de Ortigueira activou hoxe o servizo de ‘Xantar na Casa’, un programa destinado a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión social. A iniciativa proporcionará comida a domicilio a 28 familias do rural do municipio, garantindo unha alimentación equilibrada e adaptada ás súas necesidades específicas. O máximo de persoas que se poderán beneficiar deste servizo é 50.
Con motivo da posta en marcha do programa, o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, recibiu hoxe ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, Perfecto Rodríguez, nunha visita que marca o inicio oficial do servizo no municipio.
“O servizo ‘Xantar na Casa’ é un paso fundamental na nosa política social. Chega directamente ás familias que máis o necesitan, sobre todo nas áreas rurais onde é máis difícil acceder a recursos de atención domiciliaria. Estamos comprometidos con mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, e este programa é un claro exemplo de iso”, afirmou Calvín durante o encontro.
O programa, cofinanciado polo Concello de Ortigueira, a Xunta de Galicia e o Consorcio, ofrece menús completos a un prezo alcanzable de 1,76 euros para os usuarios, aínda que o custo real de cada menú é de 6,60 euros. As persoas beneficiarias, seleccionadas polos Servizos Sociais do Concello, recibirán os alimentos directamente nos seus fogares, garantindo así o seu benestar e comodidade.
Este servizo é unha mostra máis do avance en materia de servizos sociais en Ortigueira, que nos últimos meses implementou medidas como o SEETA, dirixido tamén a persoas dependentes. Coa posta en marcha de ‘Xantar na Casa’, Ortigueira únese aos máis de 190 municipios de Galicia que xa gozan desta prestación e acaba con esta anomalía.
Calvín destacou a importancia deste tipo de iniciativas na loita contra a soidade non desexada e o apoio aos colectivos máis vulnerables: “Seguimos avanzando na nosa promesa de priorizar a política social. Para nós é fundamental garantir que ninguén quede atrás, especialmente as persoas maiores e aquelas con dificultades de autonomía”.
As persoas que estean interesadas neste servizo poden informarse e iniciar o trámite nos Servizos Sociais municipais. O prazo de solicitude está aberto todo o ano.