O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PON EN MARCHA ESTE MES NOVAS RUTAS DE SENDEIRISMO QUE COMPLETARÁN AS XEORUTAS
O vindeiro 8 de agosto comezarán as rutas de sendeirismo guiadas por Ortigueira que organiza todos os anos a Concellería de Turismo e que se sumarán ás rutas xeolóxicas que xa comenzaron en xullo.
Así, o vindeiro sábado 8 de agosto desenvolverase o percorrido polos acantilados de Loiba, un itinerario circular de 6,5 quilómetros e dificultade baixa que discorre polos miradoiros máis importantes desta parte da costa ortegana, desde o de Pena Furada ata o de Picón.
Á semana seguinte, o venres 14 de agosto, terá lugar a ruta do Casón. Tamén é unha camiñada circular, aínda que máis longa, de 8 quilómetros, e unha dificultade media. Atravesa parte do camiño de San Andrés de Teixido e percorre as ruínas do Castelo do Casón -unha antiga fortaleza medieval-, as fervenzas do Casón e o pozo do Inferno, cunhas impresionantes vistas panorámicas sobre a ría. Este percorrido poderase realizar de novo o 28 de agosto.
A ruta do sábado 22 de agosto é das lendas da Faladoira, outro itinerario circular neste caso de 5 quilómetros e dificultade baixa. Percorre o punto máis alto da antiga necrópole da Faladoira, a 615 metros sobre o nivel do mar, e a ruta atravesa xacementos do neolítico como o aliñamento de menhires, o dolmen e cruceiro da Faladoira e as mámoas da necrópole.
Os participantes nas rutas terán que estar ás 10 da mañá na oficina de turismo en coche propio e levar máscara, botas de monte, bastón, roupa cómoda, auga e algo de comida. O regreso é á 14.00 horas.
É unha actividade gratuíta pero que precisa inscrición previa na oficina de turismo, ben de xeito presencial, ben chamando ao teléfono 981 974 103 de luns a sábado entre as 10.00 e as 14.30 horas pola mañá ou de 16.00 a 20.30 pola tarde, ou os domingos de 10.30 a 14.30 horas.
As rutas xeolóxicas que aínda non se realizaron, e para as que haberá que inscribirse no blog do xeólogo Francisco Canosa (o guía) https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/ , terán lugar nas seguintes datas, tamén en horario de 10.00 a 14.00 horas:
- Venres 7 de agosto. Ruta das Lavas. Poderanse ver rochas orixinadas por erupcións volcánicas submariñas hai máis de 400 millóns de anos.
- Mércores 12 de agosto. Ruta dos Penidos, que é novidade este ano. O maior afloramento de ecloxitas do planeta, con rocas orixinadas a máis de 100 quilómetros de profundidade.
- Venres 21 de agosto. Ruta dos Volcáns. Contemplaranse as pegadas dos volcáns e os cantos rodados que hai millòns de anos viaxaban en grandes icebergs. Esta última poderase realizar tamén o venres 4 de setembro, grazas a unha ampliación do programa inicial.