Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA INCORPORA UN PERCORRIDO MÁIS, O DOS PENIDOS, AS SÚAS XEORUTAS

O Concello de Ortigueira comezará o vindeiro 17 de xullo as xeorutas guiadas pola súa riqueza xeolóxica. Este ano organízanse catro percorridos máis que no 2019 e incorpórase unha nova ruta, a dos Penidos, que precisamente a que estreará o calendario deste verán. Discorre por unha parte da serra da Capelada na que atopamos o maior afloramento de ecloxitas de todo planeta. Trátase dunhas rochas “récord”, xa que se orixinaron a máis de 100 quilómetros de profundidade, onde a presión é moi alta e permite que se formen os diamantes. Tamén inclúe unha visita ao espectacular Pozo do Inferno e ao macizo dos Penidos, un miradoiro natural con fermosas vistas panorámicas sobre a ría de Ortigueira. A distancia é de oito quilómetros, con dificultade media e catro horas de duración. Ademais do 17 de xullo poderá realizarse o 12 de agosto.

A xeoruta das lavas está fixada para o 20 de xullo e o 7 de agosto. Parte de Espasante, onde se pode ver un excepcional conxunto de materiais orixinados por erupcións volcánicas submariñas hai máis de 400 millóns de anos, unha época na que esta zona era parte do fondo dun antiguo océano. Neste percorrido tamén se atopan estruturas xeolóxicas que evidencian a alta deformación que sufriron as rochas nesta zona. A duración é de tres horas, cunha distancia de catro quilómetros, e considérase de dificultade baixa.

A xeoruta dos volcáns desenvolverase os días 28 de xullo e 21 de agosto. Neste caso o itinerario é máis longo, 6 quilómetros, cunha duración de tres horas e dificultade media. Discorre polo litoral de Loiba, onde hai máis de 470 millóns de anos existían numerosos volcáns con erupcións moi violentas. Hoxe podemos ver nas rochas as pegadas que deixaron, e tamén atopamos cantos rodados que proceden de antigos icebergs cando esta zona estaba próxima ao Polo Sur.

Para inscribirse nas xeorutas hai que facelo a través do blog do xeólogo Francisco Canosa, que é o encargado de guiar os percorridos, na dirección https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/

Back to top