O CONCELLO DE ORTIGUEIRA BUSCA SOCORRISTAS E PERSOAL PARA A BRIGADA CONTRAINCENDIOS
O Concello de Ortigueira continúa traballando no obxectivo de xerar emprego no municipio, neste caso a través dos servizos de socorrismo nas praias e prevención e loita contra incendios.
Así, a administración local vén de licitar a contratación de dez socorristas a través dunha empresa para que se ocupe de garantir a seguridade nas praias de Morouzos e A Concha durante a tempada de verán. O importe do contrato, que se pagará con fondos propios do Concello, é de 60.550,61 euros, IVE incluído.
As características do servizo inclúen a prestación entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, de luns a domingo en horario de 12 do mediodía a oito da tarde. O mínimo de socorristas que terá que haber a diario será de tres na praia de Mourozos e dous na da Concha, e a estes medios sumarase unha lancha pneumática para ser tripulada por un patrón e un socorrista.
O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 21 de xuño.
Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe a creación dunha bolsa de emprego para a contratación laboral temporal do persoal que formará as brigadas de prevención e defensa contraincendios forestais. Haberá tres listas diferentes, unha para xefes de brigada, outra para peóns de brigada-condutores e outra para peóns de brigada.
O obxectivo é levar a cabo traballos de vixilancia e defensa contra os incendios forestais e desenvolver labores de prevención no marco do establecido no convenio de colaboración subscrito coa Consellería de Medio Rural.
Os membros da brigada deberán ter plena dispoñibilidade, incluíndo domingos, festivos e quendas de noite, segundo as necesidades do servizo. A xornada será de 40 horas semanais, de luns a domingo, cos descansos que establece a lei e cun horario que será fixado polo Servizo de Incendios da Xunta ou ben pola Alcaldía.
Para aspirar ao posto de xefe de brigada haberá que acreditar a titulación de enxeñeiro de Montes, enxeñeiro técnico forestal, técnico superior en Xestión e Organización de Recursos Naturais e Paisaxísticos, técnico en Traballos Forestais e Conservación do Medio Natural ou Formación Profesional equivalente, así como estar en posesión do permiso de conducir B. Este último requisito é necesario tamén no caso das persoas que se presenten para peóns-condutores.
O prazo de presentación de solicitudes é de cinco días naturais contados a partir de mañá. A selección realizarase a través dun concurso-oposición cuxos detalles pódense consultar no BOP de hoxe.