Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA APROBOU POR UNANIMIDADE INSTAR Á XUNTA A OFICIALIZAR O CAMIÑO DO MAR COMO RUTA XACOBEA

O Concello de Ortigueira aprobou onte en pleno por unanimidade dos grupos representados na corporación instar á Xunta a desenvolver os trámites e xestións necesarios para oficializar como ruta xacobea o Camiño do Mar, na liña do acordo adoptado polo Parlamento de Galicia neste sentido no ano 2010.

A institución municipal expresou o seu apoio a cantas accións se desenvolvan para difundir este percorrido, que parte de Ribadeo e recorre Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ortigueira, Cedeira e Neda, onde se une ao Camiño Inglés ata Santiago.

A corporación considera que se cumpren os requisitos para que unha vía de comunicación sexa considerada camiño de peregrinación: a súa existencia como vía de peregrinación e a presenza dunha rede asistencial para os peregrinos historicamente, así como a afluencia continuada destes peregrinos ao logo dun espazo temporal continuado. No caso de Ortigueira están documentados o Hospital de Peregrinos de San Roque, o da Magdalena e o de Santa María de San Claudio. Por outra parte, desde 1502 e ata principios do século XIX hai constancia da peregrinación dun mínimo de 236 persoas utilizando o Camiño do Mar.

O Concello destaca a importancia que tería para Ortigueira este recoñecemento, especialmente desde o punto de vista turístico, xa que a vila sumaría ás visitas que recibe no verán e na Semana Santa os peregrinos e peregrinas que virían durante todo o ano.

Back to top