O Concello de Ortigueira abre o prazo de preinscrición do ‘Almorzos na Escola’ para o curso 2025/26
O Concello de Ortigueira, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, abre o prazo de preinscrición no servizo de ‘Almorzos na Escola’ para o próximo curso escolar 2025/26.
Esta iniciativa, integrada dentro do programa municipal de conciliación ‘Conciliortigueira’, ofrece unha solución a aquelas familias que necesitan coordinar a vida familiar e laboral, ocupándose dos e as menores en horario de 7:30 a 9:30 horas, previo ao comezo da xornada escolar.
As familias que estean interesadas neste servizo deberán facer unha preinscrición no Rexistro do Concello ou na sede electrónica ata o xoves, 15 de maio. Desta forma, o alumnado do CEIP José María Lage, ademais de poder almorzar no propio centro, aprenderá sobre hábitos de alimentación saudable e participará en actividades de fomento e a educación en igualdade.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, ofértanse tres modalidades diferentes do servizo: a diario con xantar; a diario sen xantar; ou días soltos con xantar. Pódese obter máis información no Centro de Información á Muller (CIM) de Ortigueira, no Centro Social ou no teléfono 981 402 542.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Elisa Dorna, subliña a importancia “de levar a cabo un ano máis este programa que sempre conta cunha gran acollida por parte das familias de Ortigueira”.
“‘Almorzos na Escola’ ofrece unha solución de conciliación ás familias e, ademais, dá aos nenos e nenas a posibilidade de aprender sobre alimentación saudable e igualdade mentres se divirten e interactúan os uns cos outros”, afirma Dorna.
CONCILIORTIGUEIRA
O programa ‘Conciliortigueira’ está cofinanciado entre o Concello de Ortigueira, a Consellería de Política Social e Promoción dá Igualdade e o Plan Corresponsables con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade.
Este programa non soamente ofrece este servizo de xantar durante o período lectivo. A actividade ‘Sen Cole non Cole’ tamén se integra dentro desta iniciativa e ofrece un servizo de conciliación laboral e familiar durante os períodos non lectivos como o Nadal ou a Semana Santa.