O Concello crea un dispositivo especial de tráfico para garantir a seguridade no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2022
O Concello de Ortigueira publicou hoxe a regulación do dispositivo especial de tráfico que se deseñou para garantir a seguridade dos peóns e o libre tránsito dos vehículos de emerxencias durante a celebración do Festival Internacional do Mundo Celta 2022.
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, explica que “vímonos obrigados a crear esta regulación especial debido ás características especiais que ten esta edición, de máis duración e na que se prevé unha maior afluencia de público ca otros anos, por razóns de seguridade e para garantir vías de evacuación e atención de urxencias con camións e outros vehículos de emerxencias”.
Así, desde as 00:00 horas do 7 de xullo ata as 18:00 horas do 17 de xullo, pecharase ao tráfico rodado nun perímetro comprendido entre a zona do centro urbano de Santa Marta de Ortigueira, desde a avenida Escola de Gaitas (excluída esta) ata o mar, así como os accesos á praia de Morouzos. Para ese efecto, restrínxese o acceso de vehículos polas seguintes rúas: As Pontes de García Rodríguez, Fernández Latorre, Cuba, Eugenio López, José Buide Rodríguez e a estrada CP-6114.
Os vehículos de seguridade e emerxencias sempre poderán acceder a este perímetro e ademais habilitaranse pases especiais a este para persoas residentes e familiares de ata segundo grao, profesionais e turistas aloxados neste ámbito. Dentro da categoría de profesionais inclúense os traballadores de empresas de repartición e correspondencia.
A solicitude dos pases poderá realizarse tanto presencialmente como a través da sede electrónica municipal ata o 30 de xuño. Os residentes que tiveron pase no ano 2019 quedan dispensados de solicitalo de novo excepto naqueles casos nos que cambiasen as circunstancias que deron lugar a aquel.
A recollida dos pases realizarase a partir do 1 de xullo, en horario de 10 a 12 horas na oficina de asistencia en materia de rexistros (planta baixa da casa do concello). De todos os xeitos, os residentes que teñan os seus pases desde 2019 poden recoller os novos a partir do 17 de xuño.
Na normativa establécese ademais que as persoas titulares dos pases circularán polo perímetro cos seus vehículos o mínimo indispensable, que os servizos de repartición e correspondencia efectuaranse en horario de 9 a 17 horas e que non se permite o estacionamento de vehículos nas zonas restrinxidas.
Descarga Autorizacións de tráfico para o Festival Internacional de Mundo Celta de Ortigueira 2022